Luces e sombras dunha intermodal Semana Santa

A Semana Santa ferrolá documéntase desde o século XVIII. As súas procesións, propias dunha cidade de xente chegada de aluvión, foron modulando as súas antigas formas cunha serie de influenzas relixiosas e culturais de diversos lugares de Castela, o Sur e o Levante peninsular. Resultou así unha Semana Santa sobria e disciplinada, de certa suntuosidade e notable imaxinería, cunhas procesións que co paso do tempo rexistran unha maior participación da muller e unha crecente presenza das bandas de música. Para algúns, sen negar os seus valores culturais e de relixiosidade popular, quizais sobra marcialidade e falta recollemento íntimo.
Este último ano, como premio a un bo traballo levado a cabo pola Coordinadora das Confrarías, alcanzouse o recoñecemento de Interese Internacional para a Semana Santa de Ferrol. Deste xeito obtén un importante galardón unha celebración en auxe na que participan cinco confrarías, levando nestas datas á rúa ata 3.500 penitentes formando parte de vinte e cinco procesións. Deste labor tiñan moito que aprender os incapaces que xestionan a procura do galardón de Patrimonio da Humanidade para Ferrol.
Non obstante, cumpre tachar polo menos de incoherente a información fornecida no Procesionario da Semana Santa, editado polo Concello da cidade e unha chamada Empresa Mixta de Turismo de Ferrol. Causa abraio que non estea incluída nos actos destas datas unha procesión de tanto raizame en Ferrol Vello como a do Cristo dos  Navegantes mentres que, pola contra, se lle dedican ata cinco páxinas a un Salón do Cabalo que ten lugar nas mesmas datas nun recinto da Malata. Semella de interese que alguén explicara este despropósito.
Por outra banda tamén hai que referirse á deriva que están a tomar estes últimos anos as que foran prestixiosas revistas da Semana Santa, neste caso un tema da responsabilidade das confrarías ferrolás. Pouco tempo atrás, tanto Arimathea, revista da confraría do Santo Enterro, como Ecce Homo, publicación oficial da Coordinadora das confrarías, tiñan un serio prestixio como revistas de estudos históricos da Semana Santa de Ferrol. Hoxe Arimathea desapareceu mentres que Ecce Homo converteuse nun simple escaparate social coas fotos dos seus prebostes, delegados, eséxetas e acólitos.
A miña particular atención diríxese cara á procesión do Cristo dos Navegantes, á que asisto sempre que estou en Ferrol. A imaxe da igrexa do Socorro, de reputada antigüidade e cunha tradicional lenda da súa chegada polo mar o século XVII, constitúe unha sinal de identidade que na tarde de Mércores Santo percorre a cara descuberta as rúas de Ferrol Vello, adobiada de rosas vermellas e caraveis amarelos.
A súa organización pasou, e pasa, por pouco entendibles enfrontamentos e problemas de comunicación, mais continúa a ser a manifestación relixiosa máis sinxela e auténtica da variada Semana Santa de Ferrol, reflectindo a tradición do máis vedraño barrio da cidade. Estrañamente este ano, cun certo  oportunismo e rompendo o seu rigor histórico, cambiou a súa ruta entrando no Arsenal Militar.
Como remate da Semana Santa, cumpre citar a ancestral romaría da Virxe do Nordés, patroa dos mares e os vales de Ferrol, celebración tradicional do Luns de Pascua que constitúe unha devoción popular de grande interese etnográfico. Con referencia específica á propia ermida de Chamorro noutro lugar xa escribín tocante ao vergoñento e anacrónico feito de que o templo estea aberto ao culto relixioso mentres continúa sendo de propiedade privada, mesmo con persoas particulares comerciando dentro da capela coas velas e obxectos de culto.
Un derradeiro apunte. Ferrol non necesita tan só un Museo da Semana Santa. O que realmente precisa Ferrol, dunha vez por todas, é un Museo da Cidade para expor, conservar e difundir as sinais de identidade da urbe e o seu Patrimonio Cultural, tanto da Ilustración e o Modernismo como da Semana Santa, ademais de recuperalas coleccións de pinturas e artes plásticas espalladas pola urbe.   

P.S. Un recadiño para os meus amigos de Toxos e Froles. Con independencia de que gustara moito ou pouco o cadro elixido para conmemoralo seu Centenario, moitos socios cremos que fóra máis axeitado, transparente e, mesmo, importante para a súa difusión pública, ter levado a cabo un concurso aberto de pintura nesta importante ocasión.
jjburgoa@hotmail.com

 

Luces e sombras dunha intermodal Semana Santa

Te puede interesar