Demografía e calidade de vida

Coido que paga a pena botar unha ollada ao pasado máis recente, para termos unha perspectiva. Por exemplo, na cuestión demográfica. O mundo superou este ano os 7.500 millóns de habitantes, fronte aos 3.473 millóns de hai medio século. Este acelerado crecemento non é un problema menor, máxime cando o medre se realizou sobre todo nos países cun menor grao de desenvolvemento. A India pasou de 524 millóns de habitantes a 1.240 millóns. Máis que dobrou a poboación! Filipinas que tiña 36 millóns atinxiu os 103 millóns. Fáltalle pouco para triplicar o numero de habitantes! Quenia pasou de 10.209.000 a nada menos que 46.567.000. Multiplicou por catro a poboación!
Para atender un aumento tan grande, cumpriría un crecemento económico moito maior, e conseguir un desenvolvemento capaz de absorber o medre da poboación. Tampouco se poden ignorar as consecuencias en termos de presión sobre o medio ambiente, malia que a maior contaminación se produce nos países máis industrializados. Outro aspecto é o aumento constante da man de obra de reserva, e os seus efectos sobre a relación capital-traballo. 
Unha parte da responsabilidade deste desorbitado aumento da poboación correspóndelle aos gobernantes, polas políticas que puxeron en práctica nestes estados. Porén, non se pode obviar que a matriz económica dominante e a desfeita do mundo tradicional nestes países debeuse (e débese) en boa medida ás potencias occidentais e ás corporacións internacionais. E destas prácticas imperialistas xurdiron dinámicas sociais, culturais e políticas que non é doado reconducir. E aínda que se consiga, levará anos. O mal está feito. 
Outros países, como Galiza, tamén como consecuencia da subordinación, mesmo que exista unha renda media alta, teñen tamén un problema demográfico. Neste caso, porque o marco alenta a expulsión dunha parte da mocidade, e outra carece de medios para garantir a reprodución. En situacións económicas tan distintas, o capitalismo amosa que non está ao servizo da sociedade, do ecosistema, da calidade de vida. Só se poñen parches, sempre que non cuestionen a centralización e concentración do poder e da riqueza. Non será hora de cambiar?

Demografía e calidade de vida

Te puede interesar