Coa sinatura do preacordo entre Anova, Podemos e EU para as eleccións xerais, quedou condenada ao fracaso a constitución dunha candidatura unitaria que abranguese todas as forzas de ámbito galego e que tivese como eixo, ademais das cuestións sociais e laborais, a defensa dos intereses nacionais de Galiza. Nen os dirixentes de Podemos, nen Esquerda Unida na Galiza consideran que a soberanía sexa esencial para a recuperación da economía, o emprego, a demografía, e por extensión as condicións laborais e sociais.
Consideran secundaria a singularidade nacional, unha historia superada, e a capacidade de decidir unha concesión a nostálxicos, polo que na práctica adíase indefinidamente.
Por iso non se cuestionan estar organizados nunha estrutura de ámbito estatal, na que a última palabra tena unha dirección afastada da nosa realidade. Daquela que o acordo a nivel galego só busque atraer votantes nacionalistas, amosando achegamento aos seus sentimentos. Porén, carecen dunha proposta organizativa e programática onde as clases populares galegas estean en primeiro plano, sexan as protagonistas e as principais beneficiarias, e non froito da conquista e vagón de cola.
Non queren aceptar que o capitalismo ten a súa fortaleza na globalización, que isto permítelle chantaxear o movemento obreiro cunha man de obra de reserva mundial, tratados de libre comercio, e corporacións que están por riba dos estados.
Neste escenario, na periferia, a soberanía é o muro máis sólido da clase traballadora contra a centralización e concentración da riqueza e do poder. A loita de clases, tendo a explotación laboral como trazo fundamental, puxo en primeiro plano a cuestión nacional.
É neste eido onde a correlación de forzas é máis favorábel, xa que se suman o traballo, o social, económico e identitario.
Por esta razón a independencia de Catalunya provoca tantos antagonismos, que van a máis, malia que esa non sexa a pretensión de CDC. Por iso Podemos e Esquerda Unida (tamén Anova), malia que presuman de superman, na práctica vense obrigados a rebaixar as promesas, hipotecados por unha folla de ruta que non responde ao lugar nen ao momento.