A LECCIÓN DE BABEL

|

O mundo occidental ou, o que é o mesmo, o mundo xudeu-cristián, acostuma tomar como referencia simbólica da desafección da raza humana para con Deus a tentativa de construción da Torre de Babel. O castigo que Iavé inflixiría posteriormente aos homes viría por causa destes quereren emular a Súa obra. Así pois, dísenos no Xénese 11, 1-9: “Era daquela toda a terra dunha mesma lingua. [...] acharon unha veiga no país de Sinar e establecéronse alí. [...] Logo dixeron: Edifiquemos unha cidade e unha torre cuxo cume chegue até o ceo [...]. Baixou Iavé por ver a cidade e a torre que comezaran a construír os fillos do home, e exclamou: “Velaquí que forman un único pobo e teñen todos eles unha mesma lingua [...]; agora xa non lles será impracticábel canto desexen proxectar. Descendamos e confundamos a súa lingua, a fin de que ninguén comprenda a fala do seu compañeiro”. Despois espallounos Iavé de alí por toda a face da terra [...]”.

Da mesma forma que os gregos ou outros pobos antigos botaron man da mitoloxía para tentar dar unha explicación e sentido á súa propia existencia, as sagradas escrituras alicerzaron de modo semellante unha xustificación doutrinal. Desde o punto de vista dogmático, a explicación do antedito castigo é só unha exposición a modo de fábula do que, á fin e ao cabo, entraña a condición humana. Isto é: o home é home porque é diverso; o home é home, logo diverso, porque transcendeu esa fase irracional dos animais. En definitiva, a Torre de Babel beneficiou ó ser humano facéndoo ben distinto das outras especies, ás que foi quen de dominar, xa coa forza xa coa astucia. Todo ser humano é igual en esencia e existencia, mais distinto canto á forma de manifestarse como pobo, e o castigo divino non é consecuencia deste siloxismo.

A UE vén de conseguir o Premio Nobel da Paz. Vexámolo isto apropiado ou non, certo é que esta institución naceu cunha filosofía baseada en transbordar fronteiras e conseguir unha unidade política e económica, e até unha “Pax Europea”, impensábel unhas decenas de anos atrás. A moeda única e a de-saparición de fronteiras físicas son plausíbeis, se cadra a mellor das plasmacións deste proceso. O Imperio Romano tivera o seu “limes” ao norte no Danubio e no Rin. Unhas 5.000 unidades políticas salpicaban a Europa medieval, 500 na Idade Moderna, 200 durante as guerras napoleónicas, e menos de 30 até a caída do Muro de Berlín. Curiosamente hoxe temos máis, pero nos 27 da UE, alén de Noruega, Islandia, Suíza, etc. ficaron abertas as fronteiras.

Indiscutibelmente, Alemaña e Francia son os motores e cabezas de mando na actual Europa. Porén, os destinos de ambos dirimíronse de vello en disputas bélicas, iniciadas en 1870 coa guerra franco-prusiana. A este primeiro episodio bélico seguíronlle dúas guerras mundiais, de xeito que o derramamento de sangue e a imposición dun imperialismo etnicida trouxo unha Europa fragmentada en dous grandes bloques, hoxe morta tras a perestroika de Gorbachov. Chequia e Eslovaquia, ambos da UE, disolveron Checoslovaquia en 1993; as ex-repúblicas iugoslavas formaron varios estados tras unha brutal guerra fraticida; como tamén as repúblicas desagregadas da antiga URSS. Sen dúbida, son os remanentes da guerra fría. Mais, no seu momento, a II Guerra Mundial saldárase con territorios –culturais e lingüísticos cando menos– divididos entre países veciños. O sur do Tirol ficou incrustado en Italia, os territorios xermanos (anteriores a 1937) de Schleswig, Pomerania e Silesia, Prusia Oriental, etc. ficaron anexionados a terceiros países, e Alsacia e Lorena e Malmedy-Eupen xa ao final da Grande Guerra.

Vistos estes poucos exemplos –bastantes máis se poderían enumerar–, podemos observar o aleatorio da existencia dos estados. O estado nace como unha unión necesaria entre colectivos humanos, trátase, en definitiva, dunha creación artificial, que hoxe existe e mañá talvez non. “Nación é unha comunidade estábel, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflectidos nunha comunidade de cultura. Soamente a existencia de todos os signos distintivos, en conxunto, pode formar a nación”, dixera Castelao; concepto, o de nación, máis permanente e singular que o de estado.

Os tirapuxas entre a idea da unión e da desunión son unha constante na historia da Humanidade. A era actual apunta á primeira delas nesa hipótese de unidade universal, desafío que se antolla unha desmesura, con actores protagonistas como o FMI ou o BCE. Mais esta insubordinación pódese pagar cara. Certos indicios fan pensar en que a ira de Iavé poida estar á volta da esquina. A nova confusión da Torre de Babel vén do cidadán que protesta na rúa, mais tamén daqueles desa-lentos varios, ora polo auxe da ultradereita, ora pola dos pobos que ansían a súa autodeterminación, pois a tendencia é sempre batermos na mesma pedra; trátase, en suma da nosa condición.

A LECCIÓN DE BABEL