PROAS

|

Dúas proas foron tristemente novas nos xornais das últimas semáns.
A primeira correspondeu á non ampliación a novos centros do programa homónimo da Consellería de Educación para a atención do alumnado con dificultades.A pesar das queixas e esforzos do profesorado, Anpas, sindicatos e especialistas, son moitos os nenos e nenas que ven mermados os reforzos, orientacións e apoios que precisan para acadar o nivel escolar que garanta a súa igualdade de oportunidades. A segunda que estelou o aire das rúas de Vigo ata o barrio de Coia foi a do barco Bernardo Alfageme. As protestas e manifestacións en contra da veciñanza solicitando ese orzamento para outros fins, non impediron a súa instalación na xa famosa rotonda. Independentemente do ámbito territorial e a cor política das diferentes administracións, vemos que  algúns patróns seguen sen escoitar os seus “mariñeiros” e relegando o social á popa.

PROAS