FGL (1898-1936)

Cúmprense agora oitenta anos do fusilamento, asasinato para ser máis exacto, do que xa era entón o gran poeta español, Federico García Lorca. Unha máis das grandes vergonzas da guerra incivil que asolou o noso país no ano 1936. As razóns para o seu fusilamento vistas dende a perspectiva de hoxe, serian cómicas se non estiveramos a falar dunha traxedia. Fusilado e soterrado aínda non se sabe onde con exactitude despois de tantos anos, por uns desalmados que non eran moi conscientes do que estaban a facer.
Si aos trinta e oito anos que tiña cando o asasinaron, xa era un gran poeta recoñecido no mundo enteiro, que gran obra nos houbera deixado ao longo dos anos. ¿Cantos foron os verdadeiros culpables, quen foi o que dou a orde de executalo e mesmo quen o traizoou? Eu digo que por riba dos nomes coñecidos, foi vítima da incultura, da barbarie, da prepotencia, da intolerancia, do fanatismo, do fascismo e do mesianismo dos salvadores da patria. Os nomes propios póñanos vostedes.
Estes días están a darlle voltas ao lugar do seu soterramento e mesmo a si foi torturado denantes do seu pasamento. Seica súa familia négase a que se siga investigando e isto lévame a matinar que saben máis do que contan e que os seus restos foron atopados hai moitos anos e soterrados de novo nun lugar secreto que non queren revelar. Anque so sexa unha suposición gustarme pensalo así, porque isto seria dalgún xeito un xesto de xusta vinganza en contra dos seus asasinos e do réxime que os pariu e acolleu.
Segundo a biografía que estou a ler de novo, o poeta viaxou a Galicia no outono do ano 1932, visitando Santiago, Betanzos e A Coruña onde tiña amigos. Como resultado desta viaxe deixounos o galano dos seis fermosos Poemas Galegos, escritos na nosa lingua. 
Para rematar, transcribo aquí, como derradeiro homenaxe, as fermosas estrofas do que dedicou a Santiago que el titulou, Madrigal á cibdá de Compostela.
“Chove en Santiago/Meu doce amor/Camelia branca do ar/brila entebrecido o sol”/Chove en Santiago/na noite escura/herbas de prata e sono/cobren a valeira lúa/Olla a choiva pola rúa/laio de pedra e cristal/Olla no vento esvaido/soma e cinza do teu mar/Soma e cinza do teu mar/Santiago, lonxe do sol,/auga de mañan anterga/trema no meu corazón”.

FGL (1898-1936)

Te puede interesar