CLOONEY

|

Texto Dos actores en exercicio hai dous que me prestan moi en especial: Meryl Streep e George Clooney. A Streep, aínda nas carteleiras, “salvando” unha pelicula como “A muller de ferro”, en puridade un “publi-reportaxe” da Thatcher. O Clooney, actorazo en “Os descendentes”, ese sainete á hawaiana, de Payne (de quen xa vira “Entre copas”), con muller inerte no leito definitivo e seu home a procurar, no interín, coa axuda da filla maior, ao amante da súa dona, un pimpín-tabeirón (do choio inmobiliario).

Porque a película ten un transfondo especulador, sendo Clooney o voceiro dunha familia dona de inmensas extensións virxes a piques de ser urbanizadas pola voracidade especulativa. Desta maneira “Os descendentes” ten un plano persoal e outro colectivo para que a historia particular de Clooney (pai de dúas rapazas complexas, esposo de muller que se lle fora das mans, xenro dun badulaque, deses que agachan carencias detrás dunha pretendida franqueza) non fique na individualidade. “Os descendentes” é unha moi boa película, que nos fai cómplices de Godard cando dicía: “¿Cine americano? Iso é un pleonasmo.” O bo cine americano, lástima fora, non o que nos meten as distribuidoras por aquilo dos cupos que manexan. Pero esa xa é outra historia.

Hoxe eu quero quedar co grandísimo George Clooney, e a súa faciana de bondade perplexa coa que se move neste neo-sainete, con moi bucólicas paisaxes de Hawai como telón de fondo.

CLOONEY