NEDEANDO

|

Ai!, fonte do Paraíso.
Ai!, rapaza de Balbís.
Quéroche tanto nedesa
que fago canto me dis.

Pasa o tren da desexada falicidade e ducias de habitantes de Ferrolterra sen billete. Na plataforma da estación ollando a vía, ríamos coma tolos. Coma tolos que somos e estamos sen nos decatar que a procesión ía por dentro, despedindo a uns amigos que viaxaban a Lavacolla a pillar o avión que os trasladaría a Frankfurt.
Lois, María e Miguel, non ían en viaxe de pracer. Ían traballar. Titulados superiores e dominio de varias linguas, de pinches de cociña á hostalería alemana. Tres anos no paro forzan a esta decisión.
Tal me dixeron, marchan  porque aquí en España, e menos en Ferrol, non hai onde espetar un cravo e nin a súa dignidade, nin os petos dos pais, lles permiten aguantar nin un día máis a situación desta inestable barca que fai auga por ambos costados.
Volverán, din, tan pronto haxa traballo estable e digno, cun salario que lles permita vivir coma persoas que son. Queren regresar á súa terra. Traballar aquí. Producir aquí. Formar unha familia estable.
E non falan de salarios vitalicios de 8500 euros ao mes, como o exministro de “Justicia” Ruíz Gallardón e tantos máis no Consejo Consultivo de Madrid, que só serve para enchufar a políticos sen vergoña que aterraron na política para medrar e vivir á conta do pobo. A política é algo moi serio, onde os “cantamañanas” non deberan ter cabida…
Cando o meu amigo Xesús Fraga, me chama por teléfono dende Barcelona, sempre me pregunta por onde ando. Por Neda, nedeando, apreciado socio de negocios sempre honestos. Nativo desta comarca, que leva moitos anos mundo adiante, dime que, “quen puidera namorala, meu amigo”.
O señor Fraga loitador incansable, leal sindicalista e fina cultura, é tamén en parte fornecedor da miña biblioteca. Coñece Neda, sabe das súas belezas e cousas boas, que non só é o pan, anque tamén, sen dúbida.
Sen, para nada, esquecer a miña terra de nacemento Barallobre, cincuenta anos asentado en Neda motívanme e danme forza para amala e gozar dela cada día máis.
Xa dende neno acudía cos meus pais ao recinto feiral do souto de Albarón. Iamos, veces en tren, veces andando, ás feiras do 10 e do 28; por certo, das máis importantes que se celebraban entón na comarca Ferrol-Eume- Ortegal.
Chamábanme moito a atención os soportais da rúa Real e a torre do reloxo, que daquela soaba forte ao dar as horas. Facíao tan ben e era tan atento que repetía.
Eu gustaba de oír os toques que ía contando un por un. O que máis me gustaba era cando daba as 12 hs. Sabedores meus pais da miña ilusión agardaban comigo no restaurante bar Amador (hoxe desaparecido) fronte ao concello. Pedían para min un bocadillo de queixo con anchoas e pan de Neda acompañado dun boliche, aquelas gaseosas en botella pequena de vidro, boca tapada cunha bóla suxeita a soporte metálico.
Manxar de deuses, aquel bocata que devoraba mentres agardaba o son do reloxo. Volta de feira, parabamos mercar un molete de pan daqueles de 2 ou 3 quilos. A min sempre me obsequiaban, fose no forno que fose, cun cornecho que sabía a gloria que ía comendo e estirando en bocados lentos, de xeito que sempre me chegaba ata a nosa casa, nos Loureiros, preto da Pena do Castro. Paraíso, sen dúbida, naqueles tempos.
Darredor da feira de Albarón había moitos negocios, sen contar as transacións dentro do recinto. Bares, comercios, ferraxería e tanto máis.
Os días 10 e 28 de cada mes había moita vida e bulicio para vender e mercar, especialmente gando, vacuno, porcino e lanar. Cando viñan os feirantes raianos da parte de Asturias era mellor feira. Malo cando había que volver coa mercadoría, ou co gando de volta á casa. Compraban cando vendían. As feiras eran os únicos ingresos de moitas familias.
Hoxe que teño o deber de coñecer mellor o concello de Neda e a súa acolledora xente reafirmo que é un lugar cómodo e tranquilo onde vivir. Bos servicios de tódolos tipos, a poucos minutos de Ferrol e cerca de A Coruña e Compostela.
Non, non pensen que teño solares ou pisos á venda, e moito menos que me vou presentar nas vindeiras eleccións. “Ná de ná”.
E que Neda é maxia. Harmonía no seu conxunto xeográfico natural. Ten o preciso para benvivir, e iso hai que dicilo.
Poida que os altivos cumios da Loureira, do Ancos e do Marraxón. Poida que os vales e as ribeiras dos ríos Castro, Xubía e Belelle. Será a encantadora Fervenza onde, en tempos idos, cando o río navegable, segundo voces do alén nadaba a serea Nedalinda, que entre outras belezas e bondades me namoraron.
Aclaratoria: Nedear, verbo acabado de nacer, de momento non recoñecido pola RAG, anque todo se andará e que entre outras cousas significa, gozar de Neda.

NEDEANDO