A cerdeira (Prunos Avium)

Xa estamos na primavera, os prunos en flor fanme evocar aquela cerdeira da casa dos meus avós, “nas polas da cal contaba contos o vento soán”. Xa vos teño falado outrora desta árbore que durante cen anos, disque a mercara o pai do meu avó na feira de Parga, foi como un símbolo naquela casa patrucial onde nacín hai tantos anos. Cen invernos, primaveras, veráns e outonos aturando choivas, xeadas, neves e grandes calores pero ofrecendo puntualmente unhas fermosas cereixas que no mes de San Xoán compartiamos maiores e rapaces con merlos, estorniños e ouriols. Cada primavera daqueles primeiros anos do meu espertar á vida contemplaba eu abraiado aquela metamorfose de gromos en flores que logo se ían convertendo de vagar en drupas de cor vermello. Xa hai anos que desapareceu, fendeuna un raio unha fría noite de inverno no medio dunha gran treboada; poucos meses antes aínda dera as últimas cereixas. Poucos anos despois derrubouse tamén a casa vella de Bergantiños.
A cerdeira é unha moi fermosa árbore orixinaria de Asia que xa coñecían os gregos e os romanos. Ambos pobos foron os responsábeis de espallar o seu cultivo por todo o mundo. No remate do inverno cúbrese cun mesto manto de pequenas flores brancas, anunciando a chegada da primavera, como di un poeta arxentino, “la temprana flor del cerezo se mezcla con la última nieve”. Seus froitos ricos en vitaminas e minerais son moi utilizados na medicina popular. 
A súa nobre madeira é moi apreciada en ebanistería pola súa densidade e dureza e mesmo pola finura do seu gran. A mitoloxía grega fala dun adiviño cego chamado Tiresias que se defendía da súa cegueira cun bastón feito coa madeira dunha cerdeira. Disque ficou cego porque viu completamente espida a deusa Artemisa que o castigou así pola súa ousadía.
Heiche mercar unha cerdeira para que a plantes no xardín, deste xeito tódolos anos por primavera fareite, dende o alén, o galano dunhas flores de cor branco que chegado o San Xoán se trocarán en roxas e moi doces cereixas.

A cerdeira (Prunos Avium)

Te puede interesar