Preocupémonos de nós

Hai moita xente que di estar moi cabreada, sen matiz e con absoluta e inxusta xeneralización, con quen  denomina “os políticos”. Mesmo teño lido nalgures que se está “hasta los cojones”, usando unha expresión castiza e de arrecendo cuarteleiro, para atacar en especial os políticos cataláns, empeñados caprichosamente, segundo parece, en separarse –supremo delito!!– da gloriosa madre patria España. Esta irritada e exasperada agresividade, expresada desde Galiza, prodúceme unha mestura de tristeza angustiosa e de pasmo sarcástico. Non só nin especialmente por considerala unha mostra de incomprensión irracional e interesada dun problema real, senón, sobre todo, por nós mesmos, os galegos e galegas e as nosas perspectivas de futuro. Resúltame penoso comprobar como algúns compatriotas indolentes, indiferentes e mesmo condescendentes ou aquiescentes co actual estado de prostración de Galiza e, en particular de Ferrol, dedican tal entusiasmo a combater, con ton guerreiro e ameazante, a quen ousa pór en cuestión, con toda a lexitimidade democrática e de forma pacífica, a estrutura dun Estado, o español, por consideralo opresivo, sen capacidade para integrar, con plenitude de dereitos, a diversidade nacional que o soporta.
Faríamos ben en comezar por asumir algo evidente, que o pobo catalán existe. Xa sei que pode ser intragábel semellante asunción para quen, nacendo e vivindo na Galiza, actúa como se esta non existir, e menos o pobo galego. Están absolutamente absorbidos por unha idea de España,  en nome da cal nin o pobo galego existe, nin a lingua galega debe usarse, con plena normalidade, na nosa sociedade, nas nosas institucións, nos nosos servizos públicos. Para eles só existe o pobo e a lingua española, e punto. En definitiva un statu quo propio dun Estado centralista, xerarquizado e excluínte. Semellante poder non debe discutirse. Non existe  comunidade de intereses nin problemas colectivos, específicos da Galiza, nin desigualdades e desastres, derivados da nosa integración dependente, subordinada, no Estado español, aceitada de forma resignada ou interesada. Non hai por que falar diso, e moito menos propor solucións políticas. Simplemente silencio e obediencia. Parece como se fósemos os maiores beneficiados da ideoloxía imperial que consagra a idea da existencia da nación única española, patria común e indivisíbel de todos os españois, e do Estado, o poder, que a simboliza. Que imaxinación masoquista!!  O desmantelamento da construción naval, con vetos e limitacións,  a desaparición da nosa agricultura, o deterioro da nosa pesca, o retroceso demográfico, a emigración, o espolio enerxético e financeiro, o desprezo e renuncia ao noso idioma, a galegofobia, a falta de autoestima, todas as nosas calamidades teñen por causa o mal de ollo dunha meiga que nos ten embobados. E quen nos vai desenguedellar? Unha fantasía, o espantallo da modernidade española en maridaxe coa poderosa Unión Europea, xustamente os que están a producir tanta ruína. 
En termos políticos, seguir avalando a dependencia, o deseño que nos outorga un papel, a cada paso máis marxinal como pobo,  é estar cego á mantenta para a realidade propia e só ter ouvidos para os cantos de serea que nos atordan fronte a tantas evidencias. Son estas evidencias as que deberían preocuparnos, analizar as súas causas e procurar solucións políticas, no canto de pretender vivir como se non existiren. Nestas nosas circunstancias, semella unha miga ridícula a preocupación airada desde aquí contra o que a maioría do pobo catalán, non só a maioría dos seus dirixentes políticos (nesta ocasión en comuñón de obxectivos con aquel), sinte, pensa e quere para si mesmo. Saben os arduos defensores da españolidade na Galiza o que queren e defenden para o noso país, como non sexa continuar polo camiño, xa secularmente experimentado, que nos leva á irrelevancia política, á ruína social e económica e á desaparición cultural? Como se pode seguir acreditando, á luz das consecuencias da nosa dependencia, que a solución está en máis España e máis Unión Europea, menos Galiza e menos conciencia popular sobre nós e os nosos intereses como pobo? É estratosférico aspirar a producir e traballar no propio país? É un atrevemento inaudito contra o imperio desexar vivir na propia lingua na sociedade galega? Será que a nosa función debe limitarse a servir de carne humana para a exportación ou de exército sicario do Estado español en contra dos que ousen polo en cuestión? O noso pasado, o noso presente e o noso futuro estannos a berrar a voces a urxencia dun golpe de temón. Só nos falta que algúns pretendan e consigan que fagamos de coro servil dun patrón que, precisamente pola nosa indignidade, nos desprezará máis e nos oprimirá mellor. Preocupémonos de nós mesmos. Empreguemos o entusiasmo nesta tarefa. Iso é urxente e ninguén o vai facer por nós. Tamén veremos así o mundo baixo outro prisma, máis racional, menos manipulado e verdadeiramente solidario.

Preocupémonos de nós

Te puede interesar