Idiomas

Hai unhas semanas, cando procuraba na rede tutoriais para ukulele daquel “The House Of The Rising Sun”, co que a banda inglesa The Animals alegraba os nosos adolescentes ouvidos, aló pola metade dos sesenta, batín cun vídeo no que unha mociña a interpretaba en quechua baixo o título de “Intipa lluksina wasi”. O vídeo é de hai case catro anos, co que Renata Flores Rivera, nada en 2001 na cidade andina de Huamanga, tiña catorce nesa altura. Malia, obviamente, non me enterar de nada do que dicía gustei tanto da interpretación como do ben que me soaba nunha lingua amerindia á que practicamente apenas tivera acceso e busquei outras interpretacións súas. E atopei versións, tamén en quechua, de temas ben coñecidos como o “Roxanne”, de Police, “Fallin’”, de Alicia Keys ou “Earth Song” e “The Way You Make Me Fee”, de Michael Jackson. A publicación deste último tema foi o que dun día para outro a fixo moi popular tanto no Perú, como nos outros países andinos onde se conserva o quechua e non só. Esta popularidade motivou que se soubesen os porqués da utilización do quechua. Renata Flores fixo as traducións axudada pola avoa, que tiña 72 anos, e motivada pola súa mai, Patricia Rivera, que, por medio dunha escola de música, intenta fomentar a cultura quechua en nenos e adolescentes. As gravacións desas cancións pola filla integrábanse no proxecto “Las juventudes también hablamos quechua”, que, ao tempo, que difunde o quechua quere ser un programa de prevención contra a droga na adolescencia. O inesperado éxito motivou, naturalmente, novas gravacións e xeitos de difusión.Chamoume atención “Tijeras”, un tema propio de carácter feminista cantado en quechua a ritmo de trap e “danza de tijeras”, a danza tradicional indíxena,  coñecida na zona de Huamanga co nome de danzaq, que, desde 2010, ten o recollecemento da Unesco de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A autora, con 17 anos, manifestou, cando a presentación do tema, que con esa canción trataba de incentivar as mulleres  que non tivesen medo de falar perante un maltrato, e que berrasen se non as escoitaban e máis aínda, con todas as súas forzas, mentres seguisen sen ser ouvidas. Os feminicidios, dicía, ferían máis cando quedaban impunes. “Manchakuychu rimayta” (Non teñas medo de falar), “Warmikuna… quñusqa kasun” (Mulleres... esteamos unidas), dinos. Escoitemos.

Idiomas

Te puede interesar