Un home feliz

|

Nestes tempos que estamos a vivir nos que abonda a corrupción na política, na banca e en moitas outras institucións do país, onde atesourar riquezas a calquera prezo, semella ser para algúns a meta principal na vida, un preguntase cal é a razón de tanta avaricia.
Luís o Cabrón por poñer un exemplo ¿que é o que facía con 48 millóns que non puidera facer co seu soldo lexítimo?.Que é o que leva a estes homes a acadar cartos sen límite a costa de infrinxir as leis? O paradoxo é que, malia as súas grandes fortunas, esta xente non pode ser feliz porque está suxeita ás moitas presións que leva consigo vivir ao marxe da lei, co perigo constante de acabar na cadea.
Fai moitos anos un vello amigo xa desaparecido que non tiña moitos estudos pero si moitas luces contoume, co seu aquel pausado falar, a historia dun home feliz*.
Aquí vos deixo un resumo que lle dedico a tódolos corruptos e cabróns que proliferan no país.
“Había en tempos afastados un rei que enfermou gravemente sen que os médicos que o atendían foran capaces de dar coa súa enfermidade. Tan desesperado estaba que prometeu a metade da súa fortuna, que era moita, a quen fora capaz de curalo.
Médicos, magos e curandeiros chegados de tódalas partes do mundo non foron quen de devolverlle a saúde. Un bo día un sabio prognosticou que a única menciña para os males do rei era vestir a camisa dun home feliz. Co galo de acadala, o que non era doado, partiron emisarios cara a tódolos confíns do mundo ata que nunha pequena aldea atoparon unha humilde cabana onde un home que aterecía a carón do lume da lareira, confesou moi sorrinte ser totalmente feliz por estar plenamente satisfeito coa súa vida e non ambicionar cousa algunha.
Aquí estaba a solución aos males do rei pero cando, despois de explicarlle as razóns, lle pediron a súa camisa, levaron unha gran sorpresa porque resultou que aquel home tan feliz,...¡ non tiña camisa !”.

*A historia orixinal é un conto breve do gran novelista ruso Liev Nikolaievich Tolstoi (1828-1910).

Un home feliz