Ás veces unha síntese absolutamente frustrada e desarmada, impotente cando unha persoa maior que estivo traballando e cotizando toda a vida che pregunta, e agora que? Agora que vai pasar coa miña pensión? É certo iso de que en 2017 non va haber cartos para poder cobrar?
E eu, que lle podo responder? E non, eu non sei que responder cando hai quen mete a man unha e outra vez nos cartos que son de todos os que con esforzo traballaron e traballan, os cartos de quen constrúe e contribue ao mantemento deste país e non defrauda. Persoa a persoa, gran a gran, foise facendo un fondo para poder manter as pensións dos nosos maiores, e agora, despois do máis sangrante e inmpune dos latrocinios, non pode ser que quen traballou quede sen nada mentres que quen meteu a man onde non lle corresponde non só non é castigado, senón que é reelixido nunhas eleccións.
Xa di o refrán, de onde se saca e non se mete enseguida se chega ao fondo. Mais neste caso é tanto o que se saca que nen metendo se sae do fondo.
Os que poñemos somos sempre os mesmos e os que sacan e non poñen, tamén son sempre os mesmos.
Desde a ignorancia de alguén coma min, que non fala máis que seis idiomas e non ten coñecemento ningún de economía, a resposta pasaría por un “perdóame señor porque non sei o que digo”, antes de que me acusen de algo. Despois colocaría a cada quen onde lle corresponde, o primeiro que devolvan todo canto roubaron, segundo que a xustiza coloque a cada quen no banquiño que lle corresponda, que non haxa reparo en castigar a quen esquilma un pobo, e traballar por recuperar as políticas sociais e facer que, quen é o sostén de tantas familias non se teña que preocupar por se perde ou non a súa pensión.
Mentres, todo un candidato á investidura responde “in English” que a súa investidura será: “bueno, in a hour”... e eu pregúntome, cando será que este suxeito aprenderá a non rir do pobo que o votou? Cando será que aprenderá el e os seus adláteres a non meter man onde non deben, a gobernar para o pobo e non para os seus petos, a non empregar portas xiratorias acompañadas de soldos vitalicios millonarios mentres hai cidadáns que teñen que arrastrar a súa dignidade até os contenedores, a comedores sociales, a cáritas ou a onde haxa quen poida tender unha man a quen traballou toda unha vida? “Bueno, in one hour”... tomándoo na miña ignorancia como unha traducción libre “en algún momento”