VOLUNTARIOS CON PRESOS

Cando eu era rapaz novo, onde vai iso, dicíase con relación á mili: Voluntarios, nin para comer. Logo fanche o cambiazo e o que vas comer é o ‘marrón’ que se lle ocorra ao mando correspondente: Varrer o cuartel, etc. Non obstante a maior parte da vida en sociedade pasaba e pasa hoxe pola xenerosidade calada de tantas persoas que entregan parte do seu tempo e traballo ao outro e, ás veces, mesmo poñen en xogo a propia vida. Que sería da nosa sociedade sen a achega xenerosa e gratuíta dos nosos avós e avoas para sacar adiante os nenos da familia e, ás veces, os dos veciños?
Médicos sen fronteiras, Farmacéuticos Mundi, enfermeiros, mestres, técnicos das máis diversas profesións, Cociña Económica, Cáritas, Reto, Dignidade, etc. Seguro que o fan con limitacións e mesmo con fallos. Só se equivoca quen se move, quen arrisca, quen pon da súa parte. O que non achega nada polos demais, fica, normalmente, no opinar ou na crítica superficial e ás veces negativa. Que tamén pode ter o seu valor. Pero quen de verdade empurra a máquina, quen abre a gabia, non son os miróns, senón esa persoa que en silencio súa a gota gorda metido no tallo ou pide axuda e socorre a quen o necesita. Estámolo a ver agora cos problemas de Ceuta, como denuncia o Bispo Agrelo. Nos campos de refuxiados, presos de guerra, etc.
E quen axuda hoxe entre nós senón eses pensionistas que reparten para toda unha parentela? Se agardamos pola banca ou polos gobernos, ...? As nosas amas de casa, servidoras de casa en voluntariado forzoso, só se lles recoñece o seu traballo para dicirlles: Mamá, isto non sabe a nada. Pasácheste co sal, queimóuseche o guiso, etc.  Poucas veces escoitarán: Grazas, mamá, polo que fas por nós cada día.
Nun centro penitenciario, no cárcere, hai inmensidade de necesidades e de pobrezas de todo tipo. Os antropólogos fálannos das cinco dimensións da persoa: Física, psíquica, emotiva, relacional, espiritual e dentro desta última estaría ocupando unha parceliña o relixioso. En todas elas hai necesidade de persoal de apoio que, sen manipulacións, con toda xenerosidade e respecto á dignidade da persoa, acheguen o mellor de si mesmo e, se pode ser, de forma organizada e en equipos multi e interdisciplinares. Necesítanse todos e en todo. Pero cada un no seu sitio apropiado e coa súa valía persoal. Todos valemos para algo se estamos ben orientados.
A acción do voluntariado, falando do mundo penitenciario, ten de ir en tres direcións: 1º) A unha acción seria e organizada de tipo preventivo. Desde nenos: Familia, escola, traballo, vivenda, axudas sociais, etc. No cárcere están maioritariamente os pobres, os sen oportunidades.  2º) No tempo do internamento. É imprescindíbel unha grande dedicación capacitada e eficaz, o máis personalizada posíbel. Ten de conxugarse a prudencia e a eficacia para resolver o que se poida facer en cada caso e situación. Hai agrupacións que están a traballar facendo o que poden e saben. Cáritas e Pastoral Penitenciaria teñen bos programas, pero precisan persoas con tempo, dedicación, ben formadas e equilibradas. 3º) Pero de pouco serviría o anterior se a sociedade non tomamos conciencia seria do despois. A nosa Constitución fala de rehabilitación e reinserción. (At 25,§ 2). E énchesenos a boca con esas palabras para a galería. Pero logo óese : “Que se rehabiliten eles, que se reinsiran ou reinserten eles”. A eses, nin auga. O que naceu revirado non hai que o endereite.  Como dixo a deputada valenciana, Sra. Fabra: “Que se jodan”. (Moi educada ela).
Se fose o meu fillo ou eu mesmo o preso non falaría así. E detrás están familias enteiras. Os cárceres están alonxados e non hai transporte colectivo para ir velos. Todo resulta moi caro. E non esquezamos: Ao cárcere podemos ir todos, xusta ou inxustamente. Que tamén hai inocentes nos presidios. Igual que estar enfermos. Canto necesitamos que nos visiten, nos escriban, nos axuden, etc. Vistes “A visitadora de presos”, onde se relata o compromiso verdadeiramente titánico de Concepción Arenal? Vale a pena esa película feita polos nosos artistas galegos.
Saír de calquera situación sempre foi un problema. Empezar a escola, un novo traballo, emigrar, etc. Hoxe, saír do cárcere e non volver a fracasar, se non tés apoio, é case imposíbel. Se non hai traballo, axudas, acollida, etc. para os que estamos na rúa, a onde vai ir un preso, que todos o refugan, o sinalan, se lle apartan, lle berran, etc.?
Só con mirar para os peixes véndoos languidecer, morrendo na auga contaminada, se non a depuramos e desintoxicamos, se non cambiamos as circunstancias vitais, eles por si sos morren. Algo teremos que ver nós niso. Os cárceres son nosos. Os presos tamén. E tamén o que se faga con eles Normalmente solucionámolo todo dunha forma simplista: “Que apodrezan no cárcere!”. Que humanitarios somos!  E se fose o teu fillo? E agora vén o Sr. Gallardón pedindo cadeas perpetuas. Ogallá nunca pille coa porta os seus propios dedos! Daquela xa lexislaría con máis humanidade.
Por iso, os medios, o ambiente de acollida, o posto de traballo, o trato social e o non sinalar co dedo, a vivenda, os pisos de acollida, a consideración positiva e a aceptación incondicional da que nos fala a psicoloxía humanista, etc., son imprescindíbeis. E iso en cada cidade ou bisbarra. No cárcere están concentrados. Pero logo saen espallados. Quen fai todo iso? Precísanse persoas asociadas que vaian abrindo novos camiños, novas iniciativas, aí onde vas volver. Se tés que durmir á rúa a policía axiña se fai cargo de ti para volverte “ao caldeiro”, como din eles mesmos. E se para comer tés que ir ao “súper” e comes, dentro, alí mesmo, “tela crara”. Urxen asociacións de axuda para esa reinserción e acollida no día despois. Ninguén máis capacitado e interesado que o que pasou polo sufrimento. Hai que contar cos mesmos presos desde moito antes de saíren. Que traballen xa neses proxectos concretos desde lonxe. Que o vexan como o seu propio proxecto no que se implican. Podería nacer un voluntariado organizado e asociado, para favorecermos o non fracasar e o non reincidir por ter todas as portas pechadas despois de recuperar a liberdade? O reto está aí. A resposta é de todos. Túa e miña tamén. E se comezásemos a  asociarnos nós mesmos? Seguro que todo non o remediamos nun día. Pero se remediamos cinco, seis, sete..., casos xa é moito mellor. Só fai falta concertarmos un día e falarmos.

VOLUNTARIOS CON PRESOS

Te puede interesar