KEVIN

Kevin é un cativo malísimo, deses que desde moi neniños tratan de chamar a atención de mamá (co papá comprensivo, a certa distancia, aínda teñen bo trato), con berros, xestos desbocados e maneiras excrementicias por de máis. Todo isto vai parar nun adolescente conflictivo, por máis que se camufle nunha habelencia co arco que ben a quixera Robin Hood, o heroe da súa nenez de cucuio brután. O que ven despois non llo vou contar, que para iso teñen nos cinemas unha das mellores películas do ano, “Tenemos que hablar de Kevin”, segundo o título da versión española, que é a que veño de ver.

Entre a fascinación polo suxeito en cuestión, moi ben interpretado (de adolescente) por Ezra Iller, e a admiración pola directora do filme, unha dona de Glasgow; que tropa boa dá esta cidade, de Brian Hughes a Belle and Sebastian, pasando, precisamente, por Lynne Ramsay, artífice de “Tenemos que hablar…”. Entre os actores, ademais da nai de Kevin, Tilda Swinton, quero salientar ao pai, John C. Reilly, a quen lembrarán no cuarteto da película de Polansky, “Un dios salvaje”.

De Polansky era aquela “La semilla del diablo”, baseada nunha novela de Ira Levin, “Rosemary’s Baby” que me fixera ler don Coché Torregrosa, finísimo crítico de cinema, quen quedará tan arrepiado coa película de Ramsay como fixera con “La semilla del diablo”, da que non direi que non sexa debedora “Tenemos que hablar de Kevin”. Non diría eu que non.

KEVIN

Te puede interesar