De diálogos compartidos

|

El faloulle de que sempre a botaba de menos. Díxolle algo así como que a vida era aquilo que sucedía entre dúas ausencias. Ela, entre risas, polas saídas de pata de banco que el sempre tiña, seguía a relatarlle a caída do sector téxtil na economía galega.
Despois, comentaron as novas que os medios destacaban e das que repetían editoriais. O certo era que o Brexit inglés e os seus toma e daca de pagos de custes de abandono eran o espazo de maior prioridade e análise.
Compartiron o lamento pola perda dun socio poderoso, aínda que sempre foi un compañeiro de viaxe, cando menos, peculiar, e falaron dos sempre difíciles acordos de disolución de gananciais.
Quizás, parafraseando libremente a Shakespeare, nin eran nin deixaban de selo, e quizás non chegaron a selo nunca.
Ela faloulle do peso da casualidade na construción das realidades sociopolíticas. E remontouse a todo o que significou o 11-S nos Estados Unidos, ou o 11-M en España e a primeira lexislatura de José Luis Rodríguez Zapatero.
Comparou o agromar de tensións que esta semana florecera na loita polo poder no PSOE coa vizosa emerxencia da primavera no ciclo vital da natureza.
Ela dixo algo como que a vida era a loita pola supervivencia. El, pensaba que o exceso de parafernalia e o sumatorio incensante de rostros de mil etapas anteriores, para abrumar a Sánchez, ía traer consecuencias inesperadas... e que moitas veces nos procesos de cambio, menos era sempre moito máis.
Continuaba todo o referido á corrupción, ás financiacións ilegais, ao terrorismo yihadista... acordaron escribir un último wass de boas noites, que xa era tarde. El volveu dicirlle que a botaba de menos...

De diálogos compartidos