Galiza en risco de infarto

Contaba o sabio e polifacético Castelao que o galego non protesta, o galego emigra. Algo que estamos tristemente a comprobar nestes últimos anos. Cerca de noventa mil mozas e mozos emigraron soamente nos catro primeiros anos da crise (2008-2012) segundo o INE. Soamente 19 concellos na Galiza teñen máis poboación menor de 20 anos que maior de 65 anos. En 150 concellos máis dun terzo da poboación ten máis de 65 anos e os menores de 20 anos en 137 concellos representan só o 10% da poboación. En máis da metade dos concellos da Galiza a media de idade é superior aos 50 anos
Todo isto supón un problema demográfico terrible, ademais de ser o noso problema económico máis grave, xa que, con esta perdida de poboación en idade de formar unha vida, non pode crecer a economía galega como debese. Sen dúbida, ao haber menos poboación nova en idade de traballar, hai un menor consumo, co cal se xera menor riqueza. Como é lóxico deducir, as pautas de consumo son diferentes nas persoas que teñen que formar unha vida, é dicir, na xente nova, que dos maiores de 55 anos.
 Mais que é o que está a facer o governo do PP, ademáis de estar expulsando as nosas mozas e mozos fóra de Galiza coas súas políticas?. Pois non teñen outra ocorrencia que, para dar lle a volta ao problema de envellecemento da nosa poboación, dar o famoso cheque bebé para que a xente se anime a ter fillas 
 Algo totalmente inútil, que non vai servir para nada, xa que o problema demográfico da Galiza vén dado porque levamos mais de tres décadas expulsando poboación en idade de traballar. É dicir, da Galiza están marchando as mozas e mozos que están en idade de formar as súas proprias familias e as súas proprias vidas. O problema non son os nacementos, é a cantidade de xente nova que marcha da nosa terra. 
 Nin que dicir ten que se quixermos trocar esta situación temos que facelo primeiramente aumentando a capacidade das nosas potencialidades para que alberguen máis man de obra e creen máis riqueza. É dicir, potenciando e fortalecendo a nosa pesca e marisqueo (só saneando a nosa ría como é devido crearíanse cerca de mil douscentos postos de traballo), o noso agro, xa que a maior perdida de poboación se produce no rural e as nosas cidades non poden asumir esta forza de traballo. Dotar de carga de traballo o noso sector naval civil, para estarmos outra vez a nivel punteiro coas políticas adecuadas ,aínda que xa sabemos que nunca será como hai corenta anos. Fornecer a nosa capacidade de facer enerxía co vento e ademais apostar por I+D+I nestes sectores para aumentar a produtividade, xunto con outros ámbitos da ciencia e das novas tecnoloxías. Ademais disto é fundamental que o ciclo de produción destes sectores se peche na nosa terra. Non pode ser que sexamos produtores do 40% do leite do Estado e que soamente na Galiza estexa o 10% da industria transformadora desta riqueza, da cal só un terzo é de capital galego. A cantidade de posíbeis empregos que perdemos é moi grande. Ademais hai que loitar para que nesta terra se asente máis industria, xa que temos un déficit de industrialización co resto do Estado.
Porén, xunto a isto é necesario e fundamental que se tomen as medidas para loitar contra a precariedade laboral que tan fortemente azouta a nosa terra, se queremos que a nosa rapazada non se vaia a xerar riqueza a outros territorios. Se entendemos por precariedade laboral a falta de protección, a inseguridade ou inestabilidade no traballo, algo que desde as derradeiras reformas laborais aumentou enormemente, o cal fixo que na Galiza aumentara moi significativamente a pobreza nos últimos anos incluso entre persoas con empregos. Cómpre tomar medidas como máis protección por desemprego, reducir a temporalidade tamén no sector publico, dar subvencións á contratación estábel, máis emprego social e sobre todo aumentar a educación e a formación. Todo isto sempre usando as estratexias adecuadas e especificas para cada sector.
Xa para rematar, se se toman estas medidas, entre outras, conseguiremos que a xente moza non marche. Ademais faremos que os nosos emigrantes retornen á nosa terra, favorecendo isto coas medidas axeitadas, (por exemplo o Plan Retorna do BNG, no cal se pide que o 1% dos orzamentos, como mínimo, se destine a favorecer que retornen os emigrantes a Galiza) que nos vai levar a que nun futuro o envellecemento da poboación galega diminúa. Deste xeito conseguiremos aumentar a natalidade e a economía, xa que, ao crear emprego estable e de calidade, haberá maior consumo. Ademais crearanse mais núcleos familiares ao haber mais xente nova con traballo non precario e as familias decidiranse a ter fillas e fillos. Nunca o conseguiremos con medidas como o cheque bebé, que son proprias de outras realidades, ademais de non ser a solución ao noso problema demográfico, xa que este non vén dado polos nacementos senón pola emigración da xente moza. O envellecemento da poboación galega é, con toda seguridade, o principal problema que ten Galiza e o principal responsábel de que Galiza se desenvolva por debaixo da media do Estado e Europa a pesar de termos unhas enormes potencialidades. 
 

Galiza en risco de infarto

Te puede interesar