Pasamos uns días en Madrid coa intención de visitar algunha que outra exposición e máis acudir ó concerto de Bob Dylan, xira promocional do seu Shadows in the night. Gustei do concerto e chamoume a atención a boa acústica do Palacio de Deportes. De arte o que nomeadamente queriamos ver era a exposición temporal do Museo Reina Sofía acollendo abundantes obras do Kunstmuseum de Basilea, tanto da colección pública como das privadas de Rudolf Staechelin e Karl Im Obersteg. Excepcional. O “Nafea Faa Ipoipo” de Gauguin case unha anécdota. E na capital soubemos do sobresemento temporal –porque cabe recurso de reforma ou apelación na Audiencia– da querela presentada polo PP contra Tania Sánchez. O que non nega a sentencia é que como concelleira que era votou a favor de adxudicar un contrato de 137.000 euros a unha empresa vinculada a un seu irmán. Declarou que descoñecía que o expediente votado incluía esa empresa. Foi realmente así? Sexa como for, a ética... ula ética?