oincidindo coa celebración das Letras Galegas, que merecidamente este ano foi elexida polos membros da Real Academia Galega a profesora, escritora e gran defensora da nosa lingua María Victoria Moreno Márquez, o Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, entre outros importantes actos, presentou o poemario “As casas”, de Carlos Lixó, que foi gañador do XXX Premio Nacional de Poesía XoséMaría Pérez Parallé.
De non ser polo gran labor da Directiva, da imprescindible axuda do concello de Fene e da Editorial Espiral Maior, o Premio Nacional de Poesía non tería a importancia que hoxe ten, ou peor, non existiría.
Claro que tamén, ben certo é que a sona deste certame atrae a moitos poetas (neste último ano 61) que sen eles nada sería. Certo tamén que o premio é rechamante, apetecible, nada menos que a edición do poemario pola empresa Edicións Espiral Maior. A ilusión de tantos poetas noveis. Encamiñarse, darse a coñecer no mundo literario, saberse lido e coñecido cos seus libros nos expositores das librarías de toda Galiza.
Unha gran sorte, e ser bo, como é o Carlos Lixó, nacido na parroquia de Carreira, no concello de Ribeira en 1991, graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, quen xa ganou o Premio Extraoridinario da citada Universidade e o Premio Fin de Carreira, outorgado pola Xunta de Galicia.
Carlos Lixó traballa na actualidade como investigador e profesor universitario en formación,e á vez, cursa estudos de doutoramento en Historia Medieval, entre outras “lindezas positivas” que, se quere, e seguro que si, este rapaz que ama o rural, o noso pobo, a nosa lingua e que amais ten unha fermosa e potente voz, que demostrou posuír recitando e cantando unha fermosa cantiga, que nos fixo ferver o sangue a cantos alí estabamos. A min saíume da boca un berro sordo que só escoitaron os que estaban na miña bancada:”Viva a nai que te pariu”.
E bo, humilde, un mozo que ten toda unha vida por diante e coido que o día de mañá, dentro de moitos anos, cando remate o seu ciclo vital, imprescindible segundo o regulamento da Real Academia Galega. –que non sei de que valen os premios e homenaxes, xa cando mortos— será recordado nun Día das Letras Galegas.
Pero antes, de seguro, teremos boas noticias literarias, de investigación e da súa carreira profesional universitaria. É merecente o Carlos Lixó. Noraboa.
Como merecentes son outros que rematado o seu ciclo vital, hai moitos anos, agardan que a Real Academia Galega se lembre deles: XoséMaría Pérez Parallé e Ricardo Carballo Calero. Merecentes ambos.
De agradecer e aplaudir o labor de divulgación que o Grupo Poético de Fene “Parladoiro”, está a facer para recordar por varios escenarios da comarca a vida e obra do profesor Carballo Calero e do segrel de O Penedo, Pérez Parallé. Interesante labor, como non, tamén didáctico o da estimada amiga Loreto de Castro que coordina e dirixe a este grupo de persoas amantes da poesía, do teatro e da cultura en xeral. Noraboa e ánimo, a todas e todos.
Remato este artigo con unha frase de D. Ricardo Carballo Calero que nunca esquecerei, e un fermoso poema que demostra a gran calidade poética e humanista do segrel de O Penedo. Ferroláns, ámbolos dous.
Sendo eu concelleiro de cultura de Neda, tivemos a sorte de que don Ricardo viñera dar unha conferencia. Despois de darlle as gracias por tan maxistral e aplaudida disertación, desculpeime pola escasa asistencia, arredor de 40 persoas. Meu amigo, díxome, foi un éxito de público. “Teño falado para media ducia de persoas e para moitas ducias xuntas, e nunca se me abriu o peito, nin se me subiron os fumes á cabeza”.
Vou na dorna mar adiante / a boca levo salgada / e no mastro incintilante / a estrela do navegante / guiadeira na bogada. Do poemario “Dorna romeira” (1985).