Sentido común

Algúns optimistas están a cifrar as súas esperanzas, moi lexitimas por outra parte, de que no mes de xullo próximo teremos superado o Coronavirus. De aquí ao verán aínda queda moito camiño por andar no tratamento do virus. É de supoñer que nesas datas teremos un coñecemento máis completo da pandemia, das súas consecuencias e do xeito de combatela.


Non quero pecar de agoireiro, pero a dia de hoxe non hai razóns dabondo para tanto optimismo. Agás unha mutación milagrosa que acabe con el, temos virus para moito tempo polo que é necesario seguir estudando a fondo o modo de combatelo e de reducir os seus efectos que tanto dor están causando no mundo. É moi posible que o que é válido hoxe, pode non selo dentro de seis meses.


Penso que sería bo facer un seguimento exhaustivo e rigoroso, da situación fixando datas clave para coñecer e analizar coa maior exactitude a súa evolución co gallo de tomar decisións o mais axeitadas e realistas posible, a partir dos resultados. Sempre sen perder de vista a prudencia e o “sentidiño”. A primeira destas datas clave podería ser despois da próxima Semana Santa.


É máis que necesario, vital, estar moi atentos aos posibles rebrotes que botarían por terra sacrificios pasados e presentes. Xa temos a terrible experiencia do sinistro ano 2020 e sería imperdoable tropezar de novo na mesma pedra. O lema ten que ser, nin un paso atrás, nin na prevención nin na loita contra o bicho.


No que á economía se refire, sería grave erro tratar de recuperar tan cuantiosas perdas en dous días. Desgraciadamente hai que ir pouco a pouco, darlle tempo ao tempo ao ritmo que marque a situación sanitaria, non hai outro camiño mellor.


Paciencia, moito sentido común e a seguir axustándose ás disposicións das autoridades, as sanitarias e as políticas, por esta orde, porque en caso de discrepancia quen ten o mando é loxicamente a sanidade.


A solución non é doada, depende, entre outras cousas, do sentido común das xentes en tódolos países, e este, xa o dixo nada menos que Voltaire hai preto de trescentos anos, é o menos común dos sentidos.

Sentido común

Te puede interesar