A coármonos todos?

Non gusto de falar seguido dos mesmos temas, mais, ás veces, a actualidade aconsella facelo. “Poucos son os que se acordan de Santa Bárbara mentres non trona”, di –así ou con algunhas variantes– unha coñecida paremia. E adoita ser verdade. Agora que caen chuzos é cando os meus compañeiros funcionarias lembran que a medicina privada, que voluntariamente escolleron, non lles ofrece a atención debida e piden que sexa a pública –á que non pertecen porque non quixeron quen llela preste. En nome de que, pregúntome? Non estaban tan contentos e contentas coas súas mutuas privadas?


A semana pasada comentaba a mala sorpresa que me producira a lectura, na revista electrónica do único sindicato ao que pertecín, da reclamación ao Sergas para que incluíse na relación de persoas para facer cribados aos funcionarios docentes que optaran por algunha das entidades sanitarias privadas que ofrece Muface, a Mutua de Funcionarios Civís do Estado, en vez da seguridade social.


Ese texto indignoume porque me pareceu, e me segue parecendo, unha defensa –por moi puntual que sexa– da sanidade privada, máxime cando todo o que está pasando desde hai case un ano tería tido uns efectos máis devastadores de non termos unha sanidade pública como a que temos. E xa non digamos como a que tivemos, antes de que os diferentes gobernos do PP planificaran e levaran á práctica o seu progresivo desmantelamento, en aras, falando en prata, de lles encheren os petos ás entidades privadas, maioritariamente multinacionais, ás que o que máis lles interesa é o lucro e non a saúde das persoas.

Se volvo sobre o tema é porque o da sanidade pública é algo que me preocupa desde sempre. Máis aínda desde que, andando polo mundo, puiden ver pavorosas realidades derivadas da carencia dun bo sistema público de saúde e, sobre todo, aquí e agora, porque os informativos da TVE de Galicia lle prestaron ao tema unha cobertura que non viña a conto.


Foi, entendo, a falta de coñecemento do tema por parte dos informadores, a que os levou a daren a entender que se estaba producindo unha discriminación co funcionariado que non utiliza –voluntariamente, repito– o sistema público sanitario. Que pretenden, ter dous? Aí si que habería discriminación cos que só temos un.


Souben directamente do que era Muface no ano 1984, cando acadei a condición de funcionario e me tiven que afiliar obrigariamente a ese organismo, como os funcionarios da administración de xustiza se teñen que afiliar a Mugeju e os membros das forzas armadas a Isfas. Trátase de réximes especiais –creados pouco antes da morte de Franco–, de carácter mutualista, diferentes do xeral da seguridade social.


Non obstante, e como parece lóxico, no tocante á atención médico-sanitaria Mugace -descoñezo se tamén Mugeju e/ou Isfas- permite a opción de elixir a seguridade social, que é a que eu –que son e me considero unha persoa do común– no seu día elixín, na que sigo e na que penso seguir mentres me atendan nela.

A coármonos todos?

Te puede interesar