Cal é o criterio de reparto das vacinas?

Resulta evidente que a este ritmo nin a finais do ano 2022 estarán vacinados o 70% dos habitantes, requisito para que segundo os especialistas exista o efecto “rabaño”. Os dados a esta altura non son optimistas e ademais amosan unha enorme desigualdade entre autonomías. A primeiros deste mes tiñan sido entregadas 2,2 millóns de doses no Estado español, das que 113.400 para o noso país, ou sexa un 5,11%, cando a povoacion galega representa o 5,7% do total. Tampouco se entende que haxa autonomías que practicamente dobren a outras en cantidade de persoas coa primeira e segunda doses. Por exemplo, as porcentaxes que se daban a finais da semana pasada eran do 3,94% respecto do número de habitantes en Castela León e do 3,92% en Asturias, mentres que na Galiza atinxían só o 2,19%. En segundas doses os diferenciais eran semellantes.

Todo indica que, dado que a esta altura as vacinacións son máis rápidas en todas as autonomías e nacionalidades, outra cousa será no futuro se as doses a subministrar multiplican por 5 ou 6 as actuais, para poder vacinar ao 70% da povoación antes de que remate o vran. Neste caso veranse se están feitos todos os deberes, especialmente no reforzamento do sistema primario de saúde, máxime tendo en consideración de que non son poucas as denuncias de falta de medios, especialmente de profesionais.

Agora ven, para alén da maior ou menor rapidez coa que hoxe se vacine, está claro que as cantidades que se entregan son insuficientes, e que o criterio de reparto que se utiliza non está claro, e non é o dos habitantes. De ser outro debeuse tratar no organismo de coordinación cos territorios, e podería atender asemade aspectos relacionados co grao de letalidade existente nas autonomías, como a povoación avellentada e aquelas que padezan enfermidades de alto risco. Se tal fora o caso que se diga, que todos saibamos cal é o criterio que se utilizou, e que número lle corresponde a cada comunidade. Todo reflicte que non é o da povoación e tampouco o da porcentaxe de persoas maiores, xa que se fose deste xeito Galiza tería que recibir unha cantidade moi superior de vacinas.

Non se debe converter todo nunha guerra, porén tampouco se pode admitir que se lle esixa á xente disciplina e solidariedade sen aportar toda a información, máxime en cuestións transcendentes. E neste aspecto nen o Governo central, e tampouco a Xunta de Galiza que debe velar polos intereses do país, están a axer con dilixencia e transparencia neste tema. Escusas pode habelas, menos a do paternalismo.

Cal é o criterio de reparto das vacinas?

Te puede interesar