Educación | O acoso escolar, eixo da xornada impulsada desde a Feanpas

Educación | O acoso escolar, eixo da xornada impulsada desde a Feanpas
Lorena Dapena é desde este curso a presidenta da Federación de Anpas de centros públicos da comarca

Os protocolos de actuación e intervención no ámbito educativo eríxense en ferramentas esenciais tanto para os docentes como para as familias e para outros profesionais que traballan co alumnado (psicólogos, terapeutas, logopedas, etc) para facer fronte a determinadas situacións ou problemas que poidan xurdir nas aulas. Trátase ademais de documentos de obrigado cumprimento que é preciso que a comunidade educativa coñeza.

Precisamente con este obxectivo, o de contribuír á súa visibilización, se está a desenvolver desde a Confederación de Anpas Galegas unha campaña que na comarca se encarga de levar á práctica a Federación Comarcal de Ferrolterra de Anpas de centros públicos (Feanpas).

Programa

A primeira das actividades terá lugar este sábado, día 15, no Ateneo Ferrolán (de 10.00 a 14.00 horas), coa “Xornada de prevención e actuación ante o acoso escolar e ciberacoso”. Da man de diferentes expertos, falarase das súas características e do agravamento deste tipo de violencia como consecuencia da entrada en escena de internet e das redes sociais. Afondará tamén nas causas, na detección, nas consecuencias e na prevención a través das distintas ponencias.

Contarase para iso coa participación de varios expertos no tema a tratar. Abrirá o programa o especialista en Trastornos da Conduta e coordinador do Equipo de Orientación Específica (EOE) da Coruña, Manuel Armas, que ademais foi quen elaborou o protocolo educativo relativo a esta problemática.

Falará, entre outras cousas, das diferenzas entre o acoso e o ciberacoso; quen hai detrás da persoa que acosa e a importancia dos espectadores activos, así como das ferramentas de prevención, detección e actuación na familia e na escola a través do devandito protocolo. A continuación será a quenda para a mestra en Educación Primaria Ana María Pérez Rico, que centrará a súa intervención no modelo de aulas inclusivas como ferramenta de prevención do acoso escolar.

Seguiralle a psicóloga sanitaria con especialidade en Psicopatoloxía e Psicoterapéutica Elena González, directora do Centro PSI-Mentor, que profundizará nos aspectos do ciberacoso e os riscos derivados dos usos das TIC.

Experiencias

Tamén se contará coa presenza de persoas que viviron en primeira persoa o acoso. É o caso de Sara Nodar, vítima desta situación na súa adolescencia; e de Eva María Silva Noal, fundadora da Asociación TDAH Salnés e nai de vítima de acoso escolar.

A presidenta da Federación de Anpas de Ferrolterra, Lorena Dapena, salienta a calidade dos relatorios da xornada do sábado día 15.

“Ademais de falar do protocolo, queremos afondar tamén nesa realidade a través das diferentes charlas. É importante que saibamos que eses protocolos existen. Son unha ferramenta de obrigado cumprimento para os docentes e os centros pero tamén nos serven ás familias. Ao final trátase de dar resposta no momento en que se produce unha situación en concreto; queremos que a xente saiba que existen e que son para axudar a atender esa necesidade”, explica.

Logo desta primeira xornada dedicada ao acoso escolar, a Federación ten intención de continuar con outros temas, como o Trastorno de Espectro Autista, “e tamén queremos falar doutras necesidades que non están protocolarizadas, como as que teñen que ver cos trastornos de alimentación, como a bulimia ou a anorexia”. Neste sentido, a presidenta de Feanpas Ferrolterra apunta que “seguimos traballando para que se protocolaricen moitos outros problemas para que no momento no que salte unha alarma se saiba perfectamente como actuar”. A entrada á xornada do sábado é totalmente libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa, informan desde Feanpas. l

Educación | O acoso escolar, eixo da xornada impulsada desde a Feanpas

Te puede interesar