A Festa do Percebe de Meirás espera reunir a 4.000 persoas

este ano ampliouse a capacidade da carpa j. meis
|

A V Festa do Percebe de Meirás espera repetir e incluso superar esta fin de semana o éxito das convocatorias anteriores. O campo da festa de Porto será o escenario dun xantar popular no que o crustáceo collido nas rochas dos arredores será o protagonista, aínda que tamén se poderá completar o menú con churrasco. Ademais, a celebración organizada pola confraría de percebeiros conta no apartado das bebidas cun toque especial, xa que se ofrecerán botellas das bodegas Dinastía Vivanco e Granbazán a prezos populares.
As degustacións serán a partir das doce do mediodía tanto hoxe sábado como mañá domingo, aínda que se prevé que sexa esta primeira xornada a de maior afluencia. En total, nos dous días, preparanse ó redor de 700 quilos de marisco e unha tonelada de churrasco. A ración de cada un destes pratos ten un custe de seis euros. Agárdase que pasen por Meirás, en Valdoviño, entre 3.500 e 4.000 persoas, se se repiten as cifras habituais, aínda que incluso se poderían superar. Por iso ampliouse a capacidade da carpa respecto a outros anos.
Non faltará a animación musical, a cargo do dúo Calima, nin tampouco un espazo de xogos para os nenos. Todo isto para permitir prolongar a festa ata a noite e todo o que o corpo aguante.
Esta festa do percebe pretende continuar coa tradición que había na década dos 70 de realizar unha sardiñada na zona, aínda que desde que se retomou, hai cinco anos, o que se exalta é o percebe da zona, que goza tamén de boa calidade, segundo resaltan os organizadores.

A Festa do Percebe de Meirás espera reunir a 4.000 persoas