Preto de 2.000 escolares participan esta mañá na gran festa dos Maios

Exposición fotográfica sobre os Maios de Canido | daniel alexandre
|

A Praza de España acollerá esta mañá, desde as 10.00 e ata as 13.00 horas, unha gran festa dos Maios da que participarán preto de 2.000 escolares de catorce centros da cidade naval e da comarca. Organizada desde o Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, a proposta intercentros incluirá unha chea de actividades entre as que se inclúen a música, danza, obradoiros, xogos populares, unha merenda interxeneracional e algunha sorpresa máis. De ambientar a cita encargaranse tamén o grupo de teatro Ghazafelhos e Uxía Lambona e a Banda Molona.

A iniciativa, que leva por título “Ferrol de frores cuberto” estaba inicialmente prevista para a xornada do venres, se ben finalmente adiantouse ao día de hoxe para se asegurar o bo tempo.

De feito, o pasado ano tivo que ser suspendida por mor da chuvia, de aí que a celebración sexa retomada este ano con moitas ganas de gozar dun encontro de convivencia arredor desta festa tradicional.

Participantes
Desde a Coordinadora de Equipas levan xa traballando desde hai máis dun ano coa idea duns maios compartidos entre os centros da cidade co obxectivo de recuperar a funcionalidade histórica e oral. Participarán no encontro alumnos dos colexios de Pazos, CEE Terra de Ferrol, Juan de Lángara, Ponzos, Isaac Peral, Ludy, Manuel Masdías, Recimil, Belén, Cristo Rey, Lestonnac, Cruceiro de Canido e outros da comarca como o de Piñeiros de Narón ou Os Casais de Fene. Implicaranse tamén na celebración asociacións como a Fundaçom Artábria e Geriatros Ferrol.
Teatro Ghazafelhos actuarán como mestres de cerimonia para ir dando paso no escenario a cada un dos centros participantes, que interpretarán as súas cantigas e danzas xunto ao maio elaboradod no propio centro.

Haberá así mesmo un descanso no que se repartirán 2.000 merendas saudables antes de retomar a festa con Uxía Lambona e a Banda Molona, encargados de poñer música á parte final. Durante o espectáculo gravarase un vídeo do evento que será entregado a cada colexio como agasallo.

Preto de 2.000 escolares participan esta mañá na gran festa dos Maios