“Vendo os atrancos da chegada do tren hai un século parece que o tempo non pasou”

O investigador durante a conversa daniel alexandre
|

Coa fidelidade de quen se sabe lido e seguido na súa cidade, o historiador Guillermo Llorca Freire regresa ás librerías cun novo traballo de investigación que pon o punto de mira nos acontecementos que rodearon a chegada do tren a Ferrol hai xusto un século. “100 anos do ferrocarril Ferrol-Betanzos” (Edicións Embora) é un fondo e ameno análise dunha historia que semella tecer un bucle entre o pasado e o presente de Ferrol verbo dos atrancos permanentes coas súas infraestruturas.
O volume presentarase mañá ás 20.00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol. Acompañarán a Llorca os bibliotecarios de Pontedeume e Neda, Alexandre Caínzos e Manuel Grueiro, tamén prologuistas do traballo. Posteriormente, o día 18, presentarase o libro en Neda, o 19 farao en Pontedeume e o día 20 en Betanzos, xunto co arquiveiro e director do Museo das Mariñas, Alfredo Erias.

Como se ilustra no seu libro, a chegada do tren semella unha historia de grandes retrasos.
Hai que pensar que Cuba, sendo aínda española, xa tiña ferrocarril á altura de 1837. A España este medio de transporte chegou en 1848 e a Galicia en 1873. Coruña tívoo en 1883 e Ferrol, en 1913... As raíces desta historia sitúannos xa no ano 1853, cando hai unha preocupación pola chegada a Galicia do tren e o alcalde da Coruña fala co de Ferrol porque a única vía proxectada ata ese momento remataba en Vigo. Hai que agardar a 1864 para que se aprobe o proxecto do ramal da vía Madrid-A Coruña e comeza a demanda da súa construción. Nesta época hai que citar o intenso labor feito polo director xeral de Obras Públicas, o ferrolán Frutos Saavedra Meneses.

O seu traballo vai máis alá de falar do ferrocarril, situando o contexto dos medios de transporte do Ferrol da época.
E que hai que pensar que a comezos do século XX Ferrol só estaba conectada ou por dilixencia ou por barco de vapor. A mediados do século XIX os coches de cabalos tardaban en chegar a Betanzos cinco horas, e a comezos do século XX ir a Santiago levaba un día. En canto ao tráfico marítimo, dentro da ría sempre foi intenso pero fóra estaba o vapor que unía a cidade con Coruña desde 1842. O problema era que en inverno a viaxe facíase moi difícil.

Regresando ao tren, de 1864 a 1913 son moitos anos...
Son 42 quilómetros que case nos levarían a facer un por ano. A verdade é que os atrancos foron de todo tipo.
 
Cales serían para vostede os que explican este adiamento?
Primeiro, un trazado moi complicado que inclúe nada menos que catro túneles e cinco pontes metálicas. Moitas das poxas para a construción do trazado quedaron desertas porque as marxes de beneficio para a empresa privada non eran grandes ou, directamente, non compensaban. Logo, no caso de Ferrol, houbo atrancos por parte da Marina para a colocación da estación do ferrocarril. Hai un conflito entre o Ministerio de Guerra e o de Obras Públicas. No ámbito político, Ferrol non ten representantes en Madrid durante anos que tiren do proxecto, e a nivel local había fondos enfrontamentos entre os distintos representantes municipais. Tampouco podemos esquecer problemas como o caciquismo, os prezos das expropiacións de terreos ou da propia burocracia administrativa que axudan a explicar esta longa demora. Ademais, a liña inaugurouse en 1912 coa presenza do rei Alfonso XIII, pero houbo que agardar ata maio de 1913 porque o traxecto estaba incompleto, faltaban estacións, apeadoiros...

O seu libro tamén atende ao nacemento dunha nova clase proletaria ao abeiro do ferrocarril.
Si, e á vida cotiá que xorde coa aparición deste medio de transporte. Son moitos funcionarios, algúns cunhas condicións laborais moi duras, os que traballan nas estacións ou nas cantinas. Había mandadeiras e recadeiros e incluso nacen as primeiras organizacións sindicais. Tamén podemos observar todo un mundo relacionado con hoteis e fondas para os viaxeiros, e incluso prensa como o periódico “El luchador ferroviario”, que se editaba en Betanzos nos anos 30.

Vendo as dificultades da posta en marcha da liña de tren entre Ferrol e Betanzos hai un século, semella que esta cidade vive nun bucle histórico.
A historia repítese, parece que o tempo non pasou. Chegamos á autopista 25 anos despois da súa posta en marcha, quedámonos descolgados do AVE... Cando ves o entusiasmo colectivo que xerou a chegada do tren hai cen anos, a ilusión polo que supuña para transformar as cousas, e o que sucede agora, con apeadoiros baleiros, recorte de servizos, liñas atrasadas, e unha Administración que non aposta por este transporte máis ecolóxico, o certo é que non podes evitar ter certa sensación de tristura.

“Vendo os atrancos da chegada do tren hai un século parece que o tempo non pasou”