A XXV Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene recoñecerá a Xacarandaina

A XXV Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene recoñecerá a Xacarandaina
imaxe de arquivo da edición do pasado ano do encontro de gaiteiros celebrado en sillobre d.a.

Un ano máis, e xa van 25, a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene celebrará a súa tradicional Xuntanza de Gaiteiros. Será o vindeiro sábado día 5 de outubro no local da SCRD Agarimo de Sillobre con entrada totalmente libre e gratuíta.
A cita ten unha doble finalidade: “facer un acto adicado á nosa música, canto e baile tradicional e ao mesmo tempo render unha homenaxe a unha persoa, grupo ou entidade que saliente polo seu traballo en defensa da música tradicional”.
Nesta ocasión, os organizadores decidiron render tributo ao Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina “non só pola súa calidade no escenario senón tamén polo seu importante traballo de recuperación do folclore galego”, tal e como explica o presidente de Airiños de Fene, Valentín García Modrón.

recuperación
Xacarandaina, formado en outubro de 1978 na cidade da Coruña con membros de distintas agrupacións, desprázaas polas distintas aldeas e poboacións do país para, nunha intensa labor de campo, recuperar músicas, bailes, danzas, cancións, instrumentos e traxes autóctonos.
Na actualidade, unhas 40 persoas integran a formación. O director do grupo de baile tradicional desta entidade é, desde novembro de 1982, Henrique Peón Mosteiro.
Xacarandaina “investiga o folclore e interprétao como o atopa no seu lugar de orixe, buscando a maior pureza e o parecido co real”, levándoo tamén ao escenario. Este inxente traballo de recuperación tradúcese ata o momento na montaxe de sete espectáculos etnográficos nos que se mesturan cantos, bailes e música tradicional recollidos por todo o país galego.

actuacións
E precisamente será a música tradicional galega a gran protagonista da xuntanza do vindeiro sábado, na que ademais do grupo homenaxeado, actuarán os anfitrións Airiños de Fene e o dúo Sons de Mendo, integrado por Xoán Carlos Rilo –Mestre Gaiteiro da Agadic e colaborador  con varias agrupacións– e Sabela Caamaño –acordeonista en diferentes agrupacións e colaboradora en diversos proxectos de índole musical–. A presentación do encontro correrá a cargo de Pitusa Arias, de Radio Fene.
Ao longo destes últimos 25 anos, moitos foron os músicos e agrupacións homenaxeados nunha xuntanza que comezou a súa andaina só uns anos despois da fundación de “Airiños de Fene” e que nos seus comezos celebrábase como “Xuntanza de xóvenes gaiteiros”.
Na actualidade, unhas 50 persoas forman parte dunha agrupación que, desde a súa escola –con clases en Barallobre e Perlío–, segue a transmitir o seu amor pola música e cultura tradicionais galegas a través do baile, a gaita, a pandeireta ou as cancións.

A XXV Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene recoñecerá a Xacarandaina

Te puede interesar