Paula García: “O que estamos a pedir é que nos axuden a poder traballar”

Paula García: “O que estamos a pedir é que nos axuden a poder traballar”
García rexenta a taberna El Clavel de Canido | jorge meis

Paula García, membro do colectivo Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra, prevé peches no sector se non se toman con urxencia medidas de calado para reactivar o sector.. 

En que situación se atopan neste momento?
A situación é moi complicada e ademais non vemos ningunha luz ao final do túnel. O ocio nocturno está practicamente en paliativos e a hostalaría diúrna, con este horario que temos, pois tamén. O tema das axudas é como botar líquido por un funil; ao principio son fogos de artificio e despois a metade queda en pólvora mollada. A nosa reclamación non é só cuestión de axudas, senón de que nos axuden a poder traballar. Houbo certa demonización coa hostalería e non con outros sectores e mesmo cos domicilios particulares. Cremos que hai unha responsabilidade individual: non fai falla que che digan que non te podes xuntar, un xa ten que saber que non se pode facer. 

Deben ser máis áxiles as axudas? 
Creo que deberían ser máis rápidas. É certo que no Concello de Ferrol o primeiro PAME si que o foi, tendo en conta que era o primeiro encontronazo coa pandemia e a través dun procedemento telemático. Con este ímonos pór en marzo, entre a aprobación, o prazo de presentación, a revisión e a concesión... Nese tempo moitos habemos quedar polo camiño e diso estou certa. Algúns xa decidiron non abrir e outros máis farémolo neste mar de incerteza. 

Coñecen o contido do borrador?
Oficialmente non temos información. Sabemos que vai haber axudas, pero non se van ser como as primeiras, das que aínda esta semana rematou o prazo de xustificación. Imaxinamos que será algo semellante, pero oficialmente non sabemos nada, e preferimos agardar a telo por escrito. 

Que medidas tomarían se dependese de vostedes?
O que máis dificultades nos provoca aos autónomos son as cotas da Seguridade Social. Son 300 euros que se seguen pasando, que se veñen de subir e que en xaneiro volven subir; o trimestre do IRPF; e que se nos adiante a devolución do IVE e en vez de facelo no primeiro semestre que se faga nos dous primeiros meses do ano, por exemplo. Se a iso lle sumamos os subministros, etc... chega un momento no que o calcetín, por moi grande que sexa, acaba furando.

Paula García: “O que estamos a pedir é que nos axuden a poder traballar”

Te puede interesar