As escolas no día de Galicia (CV)

Versos de Amado Carballo, n’A Nosa Terra de 25 de xullo de 1924
|

Remataba a entrega anterior subliñando que, se ben eran tempos de ditadura e de censura de prensa, A Nosa Terra tirara o seu habitual número do 25 de xullo centrado no Día de Galicia, que incluía dous artigos nos que se facía referencia á importancia da posta en marcha das escolas do ensino galego, un da autoría de Lesta Meis e o outro da de Ánxel Casal.
O artigo de Xosé Lesta Meis, datado na “Cruña, San Xuán do ano 924”, titulado precisamente “O Día de Galicia”, comezaba aludindo ao feito de ter que escribir un artigo sobre o tema en circunstancias que “non favorecen nada o frorecimento espiritual para un facer un artigo d’esta cras”, para, de seguido, dar a súa opinión sobre o significado da data. Segundo el:
“O Día de Galicia son todos os días en que se fai obra galega en calquera das suas moitas manifestaciós. O Día de Galicia foi, e foi notabre, o día que a Irmandade da Cruña puxo escolas de enseño galego, que serán a base de grandes adiantos proveitosos para a nosa Terra, que non percisa mais que amor e actividade dos seus fillos para chegar a donde queira ir”.
O asinado por A. Casal, co título de “Sementeira”, di:
“Istes tempos non son tempos de trunfo, son tempos de loita; de loita Individual e en todol-os terreos: no traballo, no café, na rúa… contra un e contra todos.
Pero namentras non ven o día da recolleita é preciso intensifical-a sementeira, para que non teñamos que nos doere de non haber rendido toda a labore que debíamos e que a patria merecía.
E como quizais a nosa xenerazón non será a que vexa brilar con todo o explendore a estrela que nos guía; é indispensabre, para qu’o noso traballo non sexa interrumpido, cuidar da educación dos que veñen. Por elo agardamos de todol-os galegos que contribuirán ao sostenimento das ESCOLAS ROSALÍA do I.G. e das ROLADAS que organizaranse por toda a TERRA”.
Dicía na pasada entrega que os responsables do boletín A Nosa Terra incluíran no número deste número dedicado ao Día da Patria Galega unha nota, “Aos nosos leitores”, recordándolles que a situación non permitía facer moito máis. Porén, na publicación atopamos artigos certamente reivindicativos. Tal así o titulado “Axiña”, do conselleiro 1º Lugrís Freire, que entende que “Non é certo que o ideal galeguista teña sufrido nos días d’agora ningunha aminoración. Pol-a contra, nunca tan fortemente viviron nas nosas almas as redentoras arelas. Canto mais tempo estea acubillada a semente, resurdirá con forza asoballante a nova floración, que sorprenderá ás persoas que só xusgan as cousas pol-as manifestaciós esteriores”. Ao seu entender “Nin o duro ferro, nin a mais terca e cega tiranía, poden lexislar sobre sentimentos nados no corazón sin outra finalidade que a de ser consecuentes coas cousas amadas, que nos cinguen e que nos pertencen por lei de vida”. Como tamén as “Arelas / ¡Tempiños, tempiños, tempos!”, de Federico Zamora: “Ficamos pois en que este ano será o Día de Galicia, o noso Día -como de cote- e si pubricamente non poideramos manifestar a nosa ledicia que todos sentimos en tal Día, fagamos como os cristianos nos tempos de Nerón, fagamos un examen da nosa concencia, meditemos fondamente no que fixemos e pensemos tamén no que debemos facer para que nós os fillos de Galicia sexamos dinos dos nosos precursores”.
Xunto a eles cómpre referirse tamén aos versos de Amado Carballo sobre as cores da bandeira e o escudo, obviamente unha reivindicación que tamén o é o solto “O Hino Galego”, no que se dá conta da interpretación do mesmo, no Recheo e nalgúns dos actos nos que actuou, pola banda de música di cruceiro alemán Braunschweig, “feito exemprar” que fora “acollido con grandísima compracencia pol-o pobo coruñés”. O quincenario informa, ademais, de que a Irmandade da Coruña, “querendo corresponder ao nobre feito dos alemás”, lles entregara “un milleiro de artísticas tarxetas co’a letra do hino e no medio a cruz de Sant-Yago” con esta dedicatoria no pé:
!A ‘Irmandade’ da Cruña, agradecida pol-o homenaxe que os mariños alemás do ‘Braunschweig’ renderon a Galicia executando o noso Santo Hino, adícalles esta edición do mesmo”. A entrega efectuáraa a bordo do propio barco unha comisión de irmandiños coruñeses.
Unha das actuacións destacadas nas que os músicos militares alemáns interpretaron o himno de Galicia foi na esplanada do Recheo, ao finalizar a retreta, ás once e media da noite do venres 11. Tal e como informaba El Ideal Gallego -”Los marinos alemanes / Solemne fiesta de cordialidad ofrecida por militares y marinos españoles / Retreta militar.- La verbena del Atlantic”- “De modo admirable las bandas de tambores, flautines y la de música, ejecutaron algunos números [...] Y terminaron con la Marcha Real, el himno alemán y el himno a Galicia, que fueron ovacionados por el inmenso gentío que llenaba las inmediaciones del Atlantic Hotel”.
Outra, ben relevante tamén, tivo lugar na festa galega celebrada na praza de touros ás dez e media da noite do día seguinte, sábado 12 de xullo, que estivera presidida polo vicealmirante Zenker, o comandante do cruceiro, e que contara coa participación dos coros “Toxos e Froles”, “Cántigas da Terra” e “Cantigas e Agarimos”. Pola parte que nos toca, lembrar que “Toxos e Froles” interpretou catro obras con gaita (“Foliada de Mourente”, “Ruada de Laíño”, “Alborada de Rosalía de Castro” e “Alalá da Ulla”) e tres orfeónicas (“A mala fada”, “Foliada de Chané” e “Sol de Primaveira”).
Segundo informaba El Orzán do día seguinte -”La últimas fiestas / Los marinos alemanes / La fiesta gallega”- “Al empezar la fiesta, la banda del regimiento de Isabel la Católica tocó los himnos nacionales alemán y español, y la charanga alemana el himno a Galicia”, himnos que se repetiron ao remate: “Era la una y media cuando, a los acorde de los himnos nacionales y del regional, oídos con fervoroso respeto, terminaba la hermosa fiesta gallega”.
Faise preciso resaltar que nese número do 25 de xullo de 1924 chama a atención a numerosa presenza de colaboracións de destacados membros da Irmandade Nazonalista Galega: Losada Diéguez (“Nin tristuras, nin laídos”), Leuter (“A nosa pregaria”), Cortón do Arroyo (“Confidenzas”), Paz Andrade (“O noso”), Otero Pedrayo (“As pedras de Santiago”)... Non hai colaboración do seu máximo dirixente Vicente Risco, mais é digna de mención a inserción, sen máis, sen ningún tipo de comentario, desta nota remitida por el:
“Reciba esa Irmandade no día de Galicia o saudo cordial que lle manda co pensamento e o curazón postos no porvir da Nosa Terra e da sua groria.
¡Terra a Nosa!
Vicente Risco
Allariz”.
Do saúda chámanme a atención dúas cousas: que prescinda do termo “da Fala” na denominación da Irmandade coruñesa e que non acompañe o seu nome co do seu cargo de Conselleiro Supremo da I.N.G.
Como era habitual, o número do boletín incluía un artigo -acompañado de fotografía- lembrando que o día 15 fora o do cabodano da poeta “alma da nosa alma, encarnación da nosa raza”. O autor do artigo, despois de manifestar que “nos difíciles momentos que atravesamos, a obra da nosa Santa, as suas páxinas, anacos do seu corazón galego, son para nós bálsamo benfeitor qu cicatriza as feridas que xentes sen concencia veñen facendo na nosa alma unicamente galega e son tamén alentos para o porvir e afianzamento do noso pensar galeguista” finalizaba cunha promesa de fidelidade “¡Unha vez mais decimosche que non acougaremos munca na patriótica labor que nos indicaches e que chegaremos pese a quen pese, ao final da Grande Obra”.

As escolas no día de Galicia (CV)