Certames, exposicións e xantar popular a base de cocido na Feira do Grelo de Val de Xestoso

Certames, exposicións e xantar popular a base de cocido na Feira do Grelo de Val de Xestoso
Feira do Grelo Val de Xestoso

O Val de Xestoso viviu onte unha animada xornada con motivo da XVII Feira do Grelo, o produto estrela da horta desta parroquia monferina. Aínda que a climatoloxía non acompañou, o certo é que foron moitas as persoas que, a pesar da choiva sobre todo da mañá, non deixaron escapar a oportunidade de gozar dunha cita que desde hai xa case dúas décadas contribúe a lle dar fama a uns grelos “únicos” e diferentes a todos os demais por ser moito máis “matecoso e doce”.
Así o salientan desde a Cooperativa Valxestoso, encargada da organización da feira coa colaboración do Concello de Monfero e a Diputación.
O presidente do ente provincial, Valentín González Formosos, protagonizou a lectura dun pregón no que, entre outras cousas, salientou a calidade do produto da zona.
Non foi el, porén, o único convidado á cita. O membro do programa “Larpeiros”, da TVG, respostou tamén á  chamada dos organizadores para, no seu caso, colaborar na elección das mellores cestas e madas de grelos.

gañadores
Coa orixinalidade como un dos principais aspectos a valorar, os tres premios (de 100, 80 e 50 euros, respctivamente) foron parar ás mans das composicións presentadas por María del Carmen Vidal (gañadora); María Juan Iglesias (segunda clasificada); e Juan Pena (terceiro). 
No tocante ás madas, as elaboradas por Virginia Pérez, María García, Juan Pena e Francisca Fernández González ocuparon, nesta orde, os catro primeiros postos.
A actividade da Feira do Grelo comezaba as dez da mañá coa benvida a todos os asistentes e o disparo de bombas de palenque  para media hora máis tarde. A exposición e venda de grelos, xunto a outros produtos do campo, suscitou o interés das persoas que ían chegando ao campo da festa do Canedo, epicentro da celebración.
Nun pavillón perfectamente acondicionado para a ocasión foise desenvolvendo un programa animado durante toda a mañá por grupos folclóricos da zona e que, logo dos concursos e do pregón, abría paso ao tradicional xantar popular. Unha degustación na que o grelo viuse obrigado a compartir protagonismo, xa no prato, co lacón, chourizo, costela, orella e patacas para ofrecer un saboroso cocidos que se serviu ao prezo de doce euros, incluido o viño e requeixo como sobremesa.

baile
E para facer unha boa dixestión, que mellor que mover o corpo logo dun copioso xantar. Para iso, e desde as catro en adiante, ofreceuse unha intensa sesión de baile a cargo dun grupo musical.
Así concluíu unha xornada gastronómica impulsada desde hai dezasete anos por unha cooperativa que na actualidade aglutina a un cento de socios. 
Aínda que o sector lácteo constitúe a su principal actividade, a entidade aposta por diversificar a súa produción a través do ámbito hortícola, con productos como estes afamados grelos convertidos ademais onte nun perfecto pretexto para gozar dun intenso día.

Certames, exposicións e xantar popular a base de cocido na Feira do Grelo de Val de Xestoso

Te puede interesar