Unhas 500 persoas daranse cita na vindeira Xuntanza de Palilleiras da vila de Cedeira

|


Organizado pola Asociación de Amas de Casa coa colaboración do Concello e da Deputación, o encontro desenvolverase no polideportivo do municipio en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.


O programa incluirá, como é habitual, exposición e venda de traballos, agasallos, sorteos e demostracións en vivo de “patchword”, encaixe e bordado tradicional. Entre os participantes haberá xente da comarca mais tamén procedentes doutros lugares.


Botellas de viño, estancias para dúas persoas en aloxamentos da zona, roupa e ata décimos de lotería son algúns dos agasallos que a organización rifará este ano grazas á axuda desinteresada do comercio, da hostalería e de negocios do municipio para facer aínda máis atractiva, din desde o o Concello, “unha celebración que incide moi positivamente na economía local”.

O primeiro dos sorteos terá lugar á unha da tarde e o segundo a media tarde. Tamén haberá agasallos para a persoa de máis idade, para a máis nova, para a agrupación máis numerosa e a que chega desde máis lonxe.

A presidenta das Amas de Casa, Ángeles Villar Fraguela, quixo agradecer a colaboración recibida por parte das entidades, empresarios e da veciñanza para celebrar unha cita que xa está a ser todo un clásico no comezo da temporada de outono da vila de Cedeira.

Unhas 500 persoas daranse cita na vindeira Xuntanza de Palilleiras da vila de Cedeira