Arturo Lamas: “No Toxos xa estamos a traballar coa vista posta no centenario”

Arturo Lamas:  “No Toxos xa estamos a traballar coa vista posta no centenario”
a finais de ano volverá celebrarse unha nova edición do concurso de dúos para menores jorge meis

A dous anos vista do seu centenario, o Real Coro Toxos e Froles quere ir recuperando a actividade toda vez que os seus problemas económicos tratan de resolverse. Para o presidente Arturo Lamas, 2012 foi un ano de recuperación. “Foi un exercicio de transición cara á normalidade. Nel foi importante a implicación do Concello, que a finais do pasado ano aprobou finalmente unha axuda de 7.000 euros. É un impulso que se ten que notar porque nos permite seguir traballando, facendo actividades e asegurándonos resistir con vida ata o centenario”, comenta. Verbo desta data, que se celebrará en 2015, Lamas asegura: “Confiamos en chegar alí con forza despois de todos os problemas que temos vivido nos últimos tempos e xa hai dous ou tres proxectos nos que estamos a traballar. Cremos que facendo ben as cousas e con esforzo a situación do Toxos vaise amañar”.

O coro decano dos galegos inicia unha programación o último sábado de cada mes

Durante 2013, o Real Coro disponse a pór en marcha un ciclo eminentemente musical que se desenvolverá o último sábado de cada mes na súa sede de Magdalena 220, con entrada libre. Así, o programa ábrese o próximo sábado 26 de xaneiro cun concerto a cargo da formación Os Melidaos, que presentará o seu novo traballo discográfico “Axúdame a cantar”. Para o mes de febreiro celebrarase a II edición do concurso de cuartetos tradicionais que tan bo sabor de boca deixou o pasado ano, o primeiro que se levaba a cabo. Xa en marzo estará en Ferrol o grupo madrileño La Musgaña, unha das bandas de referencia do actual folk español. No mes de abril será a presentación do coro Aimil de Xinzo de Limia, unha formación que a pesar dos poucos anos que ten ás súas costas xa está na liña dos coros clásicos do país. En maio, último mes programado por parte do Toxos, celebrarase nada menos que o seu 98 aniversario no teatro Jofre, intervindo asemade Cántigas da Terra e o Rancho da Praça de Vila do Conde por celebrarse tamén o 40º aniversario do irmanamento coa localidade lusa.

Todo isto xunto co tradicional congreso do Toxos ou, por exemplo, o concurso de dúos para menores de 18 anos.

Arturo Lamas: “No Toxos xa estamos a traballar coa vista posta no centenario”

Te puede interesar