Os veciños da zona rural festexarán o Día das Letras Galegas en Pazos

Os veciños da zona rural festexarán o Día das Letras Galegas en Pazos
Diario de Ferrol-2014-05-16-011-00df68d3

Ferrol celebrará mañá o Día das Letras Galegas en Pazos. Desde hai anos esta festa compártese cos veciños da zona rural e viaxa a cada unha das asociacións. Este 2014, en que se rende homenaxe ó guitiricense Xosé María Díaz Castro, os actos institucionais celebraranse no local da AVV de Pazos. Comezarán ás 17.30 horas coa presentación a cargo do presidente da Agrupación de Asociacións de Veciños da Zona Rural, José Lage. Despois os nenos da parroquia farán unha semblanza do poeta e tradutor da Terra Chá. A compañía de teatro O Maxolo representará unha función e despois cantará a rondalla de mulleres de Santa Uxía de Mandiá. O acto, como é habitual, pecharase co Himno Galego. Está prevista a asistencia de membros da corporación municipal e tamén a intervención do alcalde, José Manuel Rey Varela.
Desde o Concello lévanse a cabo outras propostas como o reparto a colexios e entidades veciñais de exemplares de “Nimbos”, de Díaz Castro, ou de “O neno e a estrela”, do colectivo Fabaloba. Onte mesmo comezou un ciclo teatral para escolares en lingua galega e ó longo do mes hai outras actividades (como a proxección de “A tropa de trapo na selva do arco da vella” o día 28) ou un contacontos na biblioteca municipal, que tamén se inscriben dentro da celebración das Letras Galegas.

outras entidades
Asociacións veciñais e culturais organizan os seus propios actos de homenaxe durante esta fin de semana. É o caso da AVV San Xoán-Bertón, que mañá sábado conta coa psicóloga e deputada Paloma Rodríguez para que, a partir das seis, dea unha conferencia dedicada a Díaz Castro. A continuación cantará a coral Ecos de Chamorro e despois de tomar uns pinchos rematarase cun baile coa cantante Judith.
E na AVV O Cruceiro de Santa Icía a festa será o domingo 18, a partir das sete da tarde, con intervención do seu presidente, semblanza de Díaz Castro dos nenos da parroquia, homenaxe ós maiores e actuación final das corais Alecrín de Brión e Alentiá de Meirás.

a comarca
A Sociedade Amigos da Paisaxe Galega do Seixo (Mugardos) convida ós veciños a un recital de poesía, mañá sábado, ás doce do mediodía, no seu local social. Todos os que o desexen poden ler os seus propios poemas ou de outros autores en lingua galega. Tamén convidan a grupos de música noveis a que participen na iniciativa e se dean a coñecer.
Tamén haberá recital poético mañá na Sociedade Cultural Areosa, nun maratón lector de once da mañá a seis da tarde seguido por unha reseña sobre Díaz Castro, a obra de teatro “A familia Rufo”, da Asociación Sociocultural de Minusválidos e o grupo de canto desta mesma entidade. Continuarán coas actividades o domingo, tamén ás seis, coa función teatral “Zombis”, do grupo teatral da entidade, e a actuación da súa coral. Agasallarase ós nenos con libros e rematarán cunha queimada.
O Centro Cultural Outeiro de Chanteiro, en Ares, fai o seu festival tamén mañá, ás 20.30 horas, cos concertos da banda de gaita Ría de Ares e da rondalla Trovadores. Ademais teñen aberta desde hoxe e ata o día 23 unha exposición de cerámica.
A Asociación de Mulleres Cabanas Rural estará toda a tarde do 17 fiando na escola de Lavandeira. Tamén terán unha exposición fotográfica que resume o traballo realizado no 2013 e desde a súa fundación.
No Liceo Recreativo e Artístico das Pontes haberá mañá música a partir das cinco e recitado de versos. E en Valdoviño, o domingo, ás 18.30, na Casa da Cultura, haberá tamén un festival organizado por A Frouxeira. n

Os veciños da zona rural festexarán o Día das Letras Galegas en Pazos

Te puede interesar