A Axencia de Doazón alerta de que precisa sangue dos grupos A e de 0 negativo

|

O semáforo que indica as reservas de sangue en Galicia ten en alerta laranxa (nivel baixo) os grupos A positivo e A negativo e tamén 0 negativo. Desde a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue faise un chamamento á poboación para que non deixen de acodir aos autobuses ou aos lugares reservados nos hospitais para garantir o suministro nunha época na que adoitan ser máis necesarias. “A demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios non diminúe nestas datas”, indican, “polo que necesitamos da colaboración e xenerosidade de todos e todas para conseguir entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias”.

As dez unidades móbiles non pararán estes días –coa excepción dos festivos–. Hoxe hai unha na praza de España, en Ferrol, de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 20.00 horas. O día 2 situarase na praza de Ultramar, de 10.00 a 15.00 horas.

Xa no ano 2021, o percorrido comezará en Cariño, o luns 4. A unidade móbil ubícase diante da farmacia e funcionará de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas. Ao día seguinte, martes 5, poderase doar pola mañá en Monfero, ao carón do Concello, de 10.00 a 14.00 horas; e pola tarde en San Valentín (Fene), de 15.30 a 21.00 horas.

O día de Reis párase para regresar o 7 con parada en Mugardos, diante da biblioteca municipal, de 16.00 a 21.00 horas. O venres 8 e o sábado 9 de xaneiro, o autobús ubicarase en Ares, de 16.00 a 21.00 o primeiro día, e pola mañá o segundo, de 10.00 a 15.00.

Pódese acodir a doar de forma espontánea, mais recomendan pedir antes cita, a través do teléfono 900 100 828. Os requisitos mínimos son ter máis de 18 anos e pesar polo menos 50 quilos, sen ter padecido recentemente enfermidades transmitidas polo sangue. De tódolos xeitos faise unha avaliación médica antes da doazón.

Xunto coas unidades móbiles, é posible tamén doar nos centros específicos que hai en cada hospital. En Ferrol está ubicado na entrada da planta de hospitalización do Arquitecto Marcide e abre os luns, de 15.00 a 22.00 horas; de martes a xoves, de 8.00 a 15.00; e os venres, de 8.00 a 22.00.

A Axencia de Doazón alerta de que precisa sangue dos grupos A e de 0 negativo