Ferrol incorpora ao programa Xantar na Casa ás 22 persoas que estaban en lista de agarda

Ferrol incorpora ao programa Xantar na Casa ás 22 persoas que estaban en lista de agarda
Dos voluntarios de Protección Civil recogen en la Cocina Económina una bolsa de comida para su entrega en domicilio | d. a.

As 22 persoas que estaban en lista de agarda para incorporarse ao programa Xantar da Casa pasarán a formar parte deste servizo que prestan o Concello de Ferrol e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Esta foi unha das conclusións da reunión que se celebrou onte entre a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez, e o xerente do organismo, Perfecto Rodríguez. 

A incorporación de novas persoas ao programa Xantar na Casa era “unha demanda de hai tempo deste equipo de goberno” e “unha decisión que neste momento se fai moi necesaria tendo en conta as consecuencias negativas xeradas pola crise sanitaria”, apuntou a concelleira ferrolá. 

Ata o de agora unha quincena de persoas eran beneficiarias dun servizo que consiste na distribución ao fogar dos menús de toda a semana. Diríxese a persoas maiores a tamén ás que están en situación de dependencia.

As 22 persoas que se incorporarán súmanse ás 15 que xa estaban incluídas neste servizo, pasando así a ser 37. A ampliación dos beneficiarios do programa Xantar na Casa nun 40% en toda Galicia foi precisamente unha das medidas anunciadas onte pola Xunta de Galicia dentro dun plan para a recuperación social despois da primeira oleada da pandemia de coronavirus.

Revisión de convenios
Para aumentar ata 37 persoas o programa será necesario revisar nos próximos días o convenio que regula a colaboración entre a administración local e a autonómica. Na reunión entre Martínez e Rodríguez tamen se falou da necesidade de anovar outros documentos, neste caso para o funcionamento de centros de día e de escolas infantís. En Ferrol son dous espazos para as crianzas, en Esteiro e en Caranza, e tamén dous centros de día neste último barrio.

A concelleira explica que en novembro se lle trasladou á Xunta a necesidade de facer unha actualización, coa idea de incrementar de forma paulatina o número de prazas nos centros de día. Este asunto tratarase nunha nova reunión, prevista para o próximo mes.

Ferrol incorpora ao programa Xantar na Casa ás 22 persoas que estaban en lista de agarda

Te puede interesar