A Feira de Fungos das Pontes comeza cunha saída en busca de cogomelos

Feira de Fungos e Cogomelos en As Pontes
|

Os fungos e cogomelos reinarán nas Pontes este venres, como tódolos primeiros de novembro desde hai anos. Pero para abrir boca a esta intensa xornada de actividade organízase na véspera unha saída ó monte que estará guiada por dous expertos, José Luis Cuba (gañador en numerosas ocasións do concurso de cestas) e o cociñeiro Antonio Díaz Calvo, en colaboración co Clube de Montaña Monte Caxado. Sairase o día 31 ás nove da mañá do auditorio Cine Alovi e percorrerase o monte durante unhas tres ou catro horas. Pola tarde, na sala de exposicións do Mercado Vello, farase a clasificación, ás cinco da tarde, con entrada libre para tódolos que queiran asistir. A inscrición debe realizarse no departamento de Cultura, hoxe como data límite. Ten un custe de cinco euros. Os organizadores recomendan levar roupa de augas, unha cesta, unha navalla ou un coitelo pequeno, unha libreta  para tomar notas e unha cámara de fotos ou teléfono con cámara.
O propio venres, dentro do programa da Feira de Fungos, José Luís Cuba e Antonio Calvo darán unha clase maxistral cociñando en directo, ás cinco da tarde, na Casa Dopeso. Co título “Cociña de fungos diferentes aos habituais” farán unha demostración teórico-práctica sobre o emprego dos cogomelos na cociña, desde a súa recolección e identificación ata a súa limpeza e conservación.
Será pola tarde, pero pola mañá celebrarase o tradicional concurso de cestas, que estarán expostas ó público ata o mediodía na praza de América.
No apartado gastronómico haberá degustacións de mel e queixo do Eume, doutros produtos da comarca e de chocolates e cafés do mundo a partir das 12.00. E o xantar, que se servirá de 12.30 a 15.00 horas, no colexio de Santa María, terá como menú fabas con pleurotus, ragout de becerro con níscaros e boletos, e torta de requeixo da Faeira e mel do Eume. Custa dez euros e os tickets deben collerse na caseta de información desde as 11.00.
Como actividades complementarias hai previsto un monólogo do humorista David Amor, ás sete da tarde, no Cine Alovi. Presenta “Fuera de sitio. Edición especial”, co acompañamento do pianista Gabriel Peso. As entradas (tres euros) poden reservarse por teléfono, ata mañá, de 10.00 a 14.00, e retirarse ou mercarse desde o xoves, de 12 a 13.30 na taquilla do auditorio e o venres, na caseta de información.
Ademais, haberá mostra de produtos ecolóxicos e de outono e tamén exposicións na Casa Dopeso (da pintora Anna Katharina Koubek e dos escolares das Pontes). A animación musical estará presente nas rúas durante toda a xornada e ademais volverá haber un mercado de oportunidades na Avenida da Coruña.Tamén abren, pola tarde, o Museo Etnográfico Monte Caxado e a Casa do Mel, con visitas guiadas.

A Feira de Fungos das Pontes comeza cunha saída en busca de cogomelos