A Escola de Idiomas abre un prazo de matrícula para as prazas vacantes

A Escola de Idiomas abre un prazo de matrícula para as prazas vacantes
A escola ferrolá prevé manter en arredor de 2.000 o número de alumnos matriculados | daniel alexandre

A Escola Oficial de Idiomas de Ferrol abre hoxe un prazo extraordinario de matrícula para todos os cursos con vacantes. A oferta, publicada onte pola tarde na web do centro –a partir de agora as que vaian quedando cada día só se poderán consultar na conserxería do centro–, reflicte prazas libres en todos os cursos e niveis de todas as linguas –o que menos dispoñibilidade ten é no B2 de inglés–.


Tal e como se informa desde o centro ferrolán, a estas prazas poden optar todas as persoas interesadas que cumpran os requisitos de acceso a cada curso, aínda que non tiveran participado no proceso de preinscripción.


As vacantes asignaranse por estrita orde de chegada. Unha vez adxudicada, haberá dous días hábiles a partir do momento da asignación da praza para matricularse. De non facelo neste prazo, a vacante será ofertada novamente. O prazo abrirase hoxe ás nove da mañá e prolongarase ata as 14.00 horas do 11 de outubro.


Nesta oferta de prazas libres incluiranse as dispoñibles nos dous novos grupos de C1 de inglés –de 16.00 a 17.30 horas os luns, martes e venres e de 20.30 a 22.00 horas os martes, mércores e xoves– abertos o pasado venres trala elevada demanda rexistrada no devandito nivel.


É precisamente o inglés a lingua que, como é habitual, máis solicitudes recibiu neste novo curso académico. Séguenlle por detrás francés e, moi igualadas, alemán e italiano. Bastante demanda houbo tamén, segundo se informou desde a dirección do centro, nos niveis B2 e C1 de galego, que teñen equivalencias cos celgas.


Alumnos
A falta de que conclúa este último prazo extraordinario de matrícula, que determinará o número exacto de alumnos que este ano estudarán na EOI de Ferrol, o centro prevé manterse nas cifras do curso pasado, con arredor de 2.000 matriculados.


O centro, no que xa comezaron as clases, conta este ano con dúas lectoras estranxeiras, unha para alemán e outra de francés, que participarán nas clases destes respectivos idiomas.


Estas dúas persoas chegan a través de programas diferentes, un da Consellería de Educación e outro do Ministerio relacionado co programa Erasmus, unha opción esta última que se presume moi interesante tamén para os alumnos da escola ferrolá que puideran estar interesados en exercer como lectores noutros países do marco europeo.

A Escola de Idiomas abre un prazo de matrícula para as prazas vacantes

Te puede interesar