Armando Requeixo, mellor crítico do ano 2015 para Fervenzas Literarias

Armando Requeixo, mellor crítico do ano 2015 para Fervenzas Literarias

A revista en liña de literatura galega Fervenzas Literarias vén de elixir os mellores libros, autores, editoriais e acontecementos culturais de 2015 a través do voto telemático dos seus lectores. O crítico Armando Requeixo, que cada semana aporta as súas lecturas ó suplemento Nordesía de Diario de Ferrol foi elixido como o máis destacado dos pasados doce meses. Tamén o seu blog Criticalia mereceu os parabéns dos votantes e situouse na primeira posición nesta categoría.
Outro nome propio deste xornal, Vicente Araguas, foi sinalado polo seu labor como crítico literario en terceiro lugar. Na cuarta posición sitúase o ferrolán Mario Regueira. Ámbolos dous son, ademais, escritores. A estes tres acompañános Ramón Nicolás, o recentemente finado Manuel Rodríguez Alonso e César Lorenzo Gil.

editoriais
A mellor editorial de 2015 foi a viguesa Xerais e nesta listaxe está tamén a ferrolá Embora, en cuarto lugar, un recoñecemento que desde esta empresa con sede na rúa Galiano agradecían a través das redes sociais. “Estamos sorprendidos e agradecidos aos lectores/as da web Fervenzas Literarias. (...). Grazas, grazas.”
Galaxia, Através e Urco acompañan tamén a Embora nesta selección das mellores editoriais.
A web Fervenzas Literarias contabilizou 441 enquisas remitidas a través da sua páxina web. Os lectores seleccionaron a Ledicia Costas como a autora do ano e a Xosé Cobas como mellor ilustrador. O libro de narrativa preferido foi “Os elefantes de Sokúrov”, de Antón Riveiro Coello; en poesía gañou “A boca na terra”, de Manuel Rivas; en teatro, “Raclette”, de Santiago Cortegoso; e como mellor traballo de investigación ou ensaio quedou en primeiro posto “Historia da literatura infantil e xuvenil galega”, coordinado por Blanca Ana Roig. “O bichero”, de Davila, en banda deseñada; “Europa express”, de Andrea Maceiras, nos libros xuvenís; e “O meu pesadelo favorito”, de María Solar, en literatura infantil, tamén foron seleccionados. Ademais reseñouse a tradución de “A morte en Venecia”, de Thomas Mann, que fixo Laureano Xoaquín Araujo Cardalda para Rinoceronte en Venecia, entre outras categorías como as mellores capas, os acontecementos do ano ou as mellores librarías.

Armando Requeixo, mellor crítico do ano 2015 para Fervenzas Literarias

Te puede interesar