As Pontes volta desde o venres ao periodo da Romanización de Galicia na III Cita coa Historia

As Pontes volta desde o venres ao periodo da Romanización de Galicia na III Cita coa Historia
Imaxe doutra edición j. meis

Na que será a súa III Cita coa Historia, a vila das Pontes retrocederá durante a fin de semana no tempo para se situar no periodo de Romanización de Galicia. Os costumes, vestimentas ou oficios da época tomarán o casco vello do municipio nunha festa que, de seguro, atraerá a milleiros de persoas ata a zona durante os tres días.
O programa arrancará o venres, ás 17.00 horas, coa apertura do mercado romano para a continuación, arredor das 19.00 horas, celebrarse un pasarrúas a cargo do grupo Os Feroces da Galgueira. Ás 20.00 horas terá lugar, na praza da Igrexa, a lectura do pregón, tarefa encomendada nesta ocasión ao director do Museo Etnográfico Monte Caxado, José María López Ferro.
Ás 22.00 horas representarase a obra “A fraga maldita”, da man da compañía de teatro comunitario de Sedes (Narón).
As actividades multiplicaranse ao longo da xornada do sábado e domingo, con opcións para todos os gustos e idades. “A vila romana do Chamoselo”, un xogo educativo no que os máis pequenos poderán descubrir como foi a chegada dos romanos á vila e convertirse en auténticos arqueólogos; unha clase maestra infantil de danzas romanas; un roteiro guiado pola vila; ou un obradoiro de construción de escultura con bimbio a cargo de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014, serán algunhas das propostas a celebrar nestas xornadas.
Photocall, certame de caracterización, contacontos, loitas de gladiadores, espectáculos de cetrería, animación polas rúas ou teatro guiñol completarán ademais un programa que contará así mesmo con demostracións de oficios artesanais como de tecidos, talla de madeira ou de instrumentos musicais.

concerto
O sábado, ás 22.30 horas, terá lugar ademais un concerto de folk que permitirá “bailar e brincar ao son da zanfona de Carlos do Viso, cos ritmos agro revolucionarios de Sacha na Horta e cos sons eclécticos de Pan de Capazo”, salientan desde a organización. Será no espazo de concertos a carón do río Eume. Así pois, a festa está servida esta fin de semana en As Pontes.

As Pontes volta desde o venres ao periodo da Romanización de Galicia na III Cita coa Historia

Te puede interesar