Onetti, protagonista das Xornadas Literarias do Concello de Neda

Onetti, protagonista das Xornadas Literarias do Concello de Neda
Presentación das xornadas literarias nas que colabora a Facultade de Humanidades | jorge meis

As XV Xornadas Literarias de Neda chegan un ano máis fieis á súa cita coa conmemoración do Día do Libro. O programa, organizado polo Concello de Neda coa colaboración da Facultade de Humanidades do campus de Ferrol, adica a edición deste ano á obra do escritor uruguaio Juan Carlos Onetti Borges (Montevideo, 1909-Madrid, 1994).

En 1935 escribiu “Los niños en el bosque” e “Tiempo de abrazar”, que non serían publicados ata case corenta anos despois. En 1939 publicou o seu primeiro libro “El Pozo”. Como xornalista colaborou en varios medios traballando ademais na axencia Reuters, na revista Ímpetu e, como director, na revista Vea y Lea. En 1957 foi designado director de Bibliotecas na División de Artes y Letras de la Intendencia Municipal de Montevideo, cargo que ocupa ata 1975.
Neste mesmo ano decidiu fixar a súa residencia en Madrid afastándose da ditadura instaurada en Uruguay. En 1980, ano no que foi proposto para o Nobel de Literatura, recibiu o Cervantes.

En 1993 publicou a súa última novela, “Cuando ya no importe”, considerada como o seu testamento literario. Da vida e obra deste recoñecido autor falaron onte pola mañá na Facultade de Humanidades de Ferrol Claudio Pérez Míguez e Raúl Manrique Girón, fundadores do Centro de Arte Moderno de Madrid. Fixérono logo do acto de apertura do programa que contou coas intervencións do decano da Facultade de Humanidades, José Luis Tasset, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra.
Hoxe e mañá
Logo da xornada de onte no campus de Esteiro, a actividade trasladarase hoxe á Casa das Palmeiras de Neda, onde de novo os dous relatores do Centro de Arte Moderno madrileño falarán da biografía e traxectoria do escritor uruguaio. A conferencia terá lugar ás 18.00 horas e a entrada é libre. No decurso da sesión proxectarase ademais un documental sobre a figura do protagonista da edición deste ano. Mañá venres será a quenda para a xornada máis intensa do programa, con tres actividades previstas ao longo da tarde de novo na Casa das Palmeiras de Neda. A primeira terá lugar ás 18.00 horas, cunha charla do profesor titular de Literatura Hispanoamericana da Universidade Autónoma de Madrid, Eduardo Becerra Grande, que falará do libro “El infierno tan temido”.
Ás 19.00 horas, o tamén profesor da institución académica madrileña, Teodosio Fernández Rodríguez, impartirá unha conferencia sobre a “Significación de Juan Carlos Onetti”.

Música
O programa das XV Xornadas Literarias de Neda botará o telón cunha sesión musical que terá lugar ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Neda, co concerto de Tempo Catro, con música de tangos de Astor Piazzola.
A entrada para esta cita será gratuíta para todos os inscritos na xornada, mentres que o público en xeral terá que abonar dous euros para poder disfrutar deste atractivo colofón.

Onetti, protagonista das Xornadas Literarias do Concello de Neda

Te puede interesar