Un concurso de textos

A asocición cultural Muíño do Vento, do barrio de Canido, convoca a primeira edición dun concurso de textos de contraportada e lapelas de libros de literatura infantil e xuvenil. Esta orixinal proposta diríxese ás publicacións, en galego, que saíron á luz en 2012, con independencia do seu xénero. O premio, único, consiste nun cadro do pintor ferrolán Poldo Rapela.

O que se busca con este certame, segundo explica a asociación nas bases, é “promover a calidade dos textos que acompañan o libro na contraportada ou lapelas e máis resaltar a súa importancia pola información que transmite ó futuro lector”.

Este galardón, que poderá ser declarado deserto, entregaráselle ó autor do libro, con independencia de quen sexa o autor do texto. A entrega está prevista para o 4 de maio, durante o acto músico-festivo co que Canido celebra as festa dos Maios, data na que tamén se darán os premios do concurso “Inventa unha flor”, destinado ós centros educativos do barrio.

 

procedemento

Os interesados en participar neste concurso deben entregar, antes do 15 de febreiro, unha fotocopia da portada e contraportada da obra, así como os seus datos persoais, á asociación cultural Muíño do Vento (Pintor Máximo Ramos, 7-9, 2º C, 15401, Ferrol). Tamén se poden mandar por correo electrónico, en formato PDF, á dirección directiva@muinhodovento.es.

Na primeira quincena de marzo daranse a coñecer os títulos das obras finalistas, a través da publicación na páxina web www.muinhodovento.es. Os autores seleccionados deberán entón remitir un exemplar físico, antes do día 25 dese mes, ou, en calquera caso, nun prazo máximo de quince días desde que se lles notifica. Eses libros, se posteriormente os seus donos non reclaman que se lles devolvan, pasarán a formar parte das bibliotecas dos centros educativos do barrio de Canido.

Un concurso de textos

Te puede interesar