“A materia prima dun autor está na realidade e na imaxinación, ata os soños parten de aí”

“A materia prima dun autor está na realidade e na imaxinación, ata os soños parten de aí”
Diario de Ferrol-2014-09-12-001-664ef854

Tras asomarse ao primeiro plano da literatura en 2009 con “O salto do can”, o pasado ano o profesor e pintor Jorge Llorca (Ferrol, 1952) sorprendía tras gañar a XXXI edición do prestixioso premio Blanco Amor de Novela, organizado ademais polo Concello de Ferrol. Fíxoo con “O violín de Rembrandt” (Edicións Xerais), unha narración que acaba de chegar ás librerías, chea de humor e que fala dun tema que Llorca coñece bastante ben, o do mundo da arte e das tentacións da ambición que poden tocar as convicións de calquera.

“O violín de Rembrandt” xa chegou ás librerías. Agora que agarda?
Pois de forma expectante a palabra dos lectores e da crítica. Unha obra non se completa ata que chega ao lector ou espectador, e o resultado no depende xa de min nin dun xurado. Pero isto provoca unha experiencia que me parece interesante, o da comunicación interpersoal.

Apostou por un tema que lle resulta próximo, con un protagonista que é profesor de arte e que se move neste mundo.
O mundo da arte é o pano de fondo da narración, onde efectivamente aparece unha academia, Rembrandt, tratantes de arte, etc. Pero o tema que me interesaba é outro, de como ás veces a vida colócanos diante de situacións que poñen en cuestión as nosas ideas e principios máis íntimos. Hai unha frase que o resume ben: o mellor para manter a cordura é carecer de oportunidades para para perdela.

¿Pode relacionarse co tema da corrupción, tan de actualidade hoxe?
Non quixen darlle un sentido político, senón de integridade e ética persoal, e de que circunstacias poden facernos cambiar a nosa ética.
A novela está chea de humor. Pasouno ben escribíndoa?
Divertinme moito, paseino moi ben facendo un exercicio de humor para compartir cos demais. Rinme pero tamén tes que manter a calma e non perder o norte do que queres contar.

A súa cidade, Ferrol, parece recoñecible no texto.
A localidade non é Ferrol especificamente, pode ser calquera cidade de Galicia dos anos 80, onde está ambientada a historia. Non quixen facer unha narración localista aínda que aparecen espazos físicos que me son próximos como os Arsenais, un muro que ten diante unhas acacias, Punta Penencia...

Tamén aparecen personaxes coñecidos. O millonario Armando Ónega e outros.
Os personaxes son inventados, pero a materia prima dun autor está na realidade e na imaxinación. Os soños parten da realidade. Algúns dos protagonistas poden soar a recoñecibles, pero a creación parte da realidade, da memoria e da imaxinación. Un nútrese de todo o lido e xoga e modifica as cousas que lle interesan.

O texto ten moito ritmo. Traballou moito ese aspecto?
Quixe que a narración fluíra e me preocupou ese ritmo lector. A diferencia da pintura, a literatura é algo que ten que ver coa temporalidade, e aí o ritmo narrativo é un parámetro fundamental. Aínda que a narración non é liñal é clave que sexa áxil e que seca cómoda. Por unha banda gústame que sexa accesible, pero por outra escapo do superficial e vulgar.

Despois de décadas sendo profesor e pintor, non lle produce contradición verse convertido en novelista?
En tempo e adicación eu fun un artista plástico que combinou a creación coa docencia da arte profesionalmente, isto é así. Agora sinto que estou a atender a unha vocación que tiven desde neno e que estivo durmida, unha volta a un amor de xuventude. Unha paixón renovada, con máis calma e meditación. Teño a sensación de recobrar unha actividade cunha certa dose non sei se de inxenuidade pero desde logo si de entusiasmo. Coa literatura atópome descubrindo cousas e aprendendo.

Que significou para vostede a xubilación?
No meu caso a xubilación significa traballar máis que antes, pero nas cousas que me interesan. Véxome como un pluriempregado. No fondo son un alumno que aprende da literatura e un profesional da pintura.

Ten proxectos?
Claro, sigo escribindo e con previsións para expoñer, pero dun xeito tranquilo.

“A materia prima dun autor está na realidade e na imaxinación, ata os soños parten de aí”

Te puede interesar