O Padroado da Cultura de Narón abre mañá o prazo de inscrición no Festival de Entroido

O Padroado da Cultura de Narón abre mañá o prazo de inscrición no Festival de Entroido
Copia de Diario de Ferrol-2017-02-05-013-0a64a257

Con varias novidades celebrará este ano o Padroado de Cultura de Narón o Festival de Comparsas de Entroido, que terá lugar o vindeiro sábado 25. As agrupacións interesadas en participar poderán inscribirse desde mañá luns e ata o 10 de febreiro no Pazo da Cultura, en horario de 9.00 a 14.00 horas, tendo a obriga os interesados de presentar seis copias dos temas a interpretar e os datos persoais dun representante da comparsa.
A participación limitouse a un máximo de sete de Narón e tres procedentes doutros concellos, cun mínimo de quince membros maiores de 14 anos. Así mesmo, a selección das agrupacións realizarase por rigorosa orde de inscrición e as letras deberán estar escritas en galego e abordar temas locais do municipio de Narón, tal e como figura nas bases establecidas desde o Padroado da Cultura.

desfile
O desfile partirá sobre as 17.15 horas desde o pavillón da Mocidade, na Gándara, para rematar na pista polideportiva da Solaina, en Santa Icía, donde a partir das 18.00 horas terá lugar  o Festival de Comparsas baixo unha carpa instalada para a ocasión.
O percorrido pasará polas rúas Bispo Argaya, Vigo, Concepción Arena e a Avenida da Solaina, ata chegar á xa mencionada pista polideportiva, onde se sucederán as actuacións.
Esta é, precisamente, unha das novidades do programa deste ano, “sacar o desfile e as actuacións ás rúas de Narón, unha proposta coa que tratamos de dar máis visibilidade ao Entroido no noso Concello, non limitando exclusivamente a programación desta xornada ao Pazo da Cultura, onde xa se convocan numerosos espectáculos e eventos ao longo do ano”, explicou a vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.
As actuacións das comparsas terán unha duración máxima de dez minutos. Nelas, os seus integrantes amosarán a súa ironía e humor, así como a orixinalidade dos seus disfraces.

axudas
Haberá axudas económicas para as formacións: 600 euros para as de Narón, 300 para as que sexan de fóra e outros 300 para as convidadas que serán elixidas polo Padroado. Ademais, as tres mellores valoradas polo xurado –que presidirá a vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, e entre o que haberá representantes elixidos polas comparsas, como novidade– recibirán como premio unha figura en recordo do Día do Entroido.
As comparsas de Narón que participen no festival deberán realizar dúas actuacións, unha na súa parroquia e a segunda en calquera outra do municipio, e de ser posible, con percorrido incluído, tal e como se indica nas normas da convocatoria.
Ferreiro salientou tamén este ano, a maiores, haberá premios para os mellores disfraces nas categorías individual, parellas e de grupo (cun máximo de seis persoas). Os galardonados recibirán unha cesta con produtos para preparar un cocido.
Marián Ferreiro animou ás comparsas da localidade, e tamén doutros concellos, a isncribirse no festival que se celebrará no municipio con motivo do Entroido, e que “goza dunha excelente acollida entre a veciñanza”. 
Así mesmo, e co fin de contribuír á ambientación local e a festexar esta data, tamén alentou á veciñanza a que acuda disfrazada ao Festival de Comparsas do vindeiro día 25, “o que ademais de darlle a posibilidade de ter un agasallo, permitiranos a todas e todos gorazar coas orixinais vestimentas que a xente prepara cada ano con motivo do Entroido”, apuntou. n

O Padroado da Cultura de Narón abre mañá o prazo de inscrición no Festival de Entroido

Te puede interesar