Beatriz Sestayo: “Son unhas festas participativas e moi transparentes”

Beatriz Sestayo: “Son unhas festas participativas e moi transparentes”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-07f4b23d

O cantautor ferrolán Andrés Suárez, o violinista Ara Malikian, o grupo indie El Columpio Asesino, os ritmos latinos e funk de Efecto Pasillo, o soul poderoso de Freedonia, a protesta de Sés, o mundo infantil de Magín Blanco e moita animación de rúa e con artistas locais (Carrero Bianco, Abuín, Ghazafelhos, Jamie Fifthring, etc.) son algúns dos ingredientes das festas de verán de Ferrol. Propostas musicais, teatrais e deportivas de carácter gratuíto.
A concelleira de Benestar Social, Muller e Festas, Beatriz Sestayo, presentou onte o programa festivo que se desenvolverá do 21 ao 31 de agosto. Fronte a un cartel deseñado pola artista ferrolá de orixe eslovena Špela Trobec, a edil destacou que se organizaran uns festexos “plurais e transparentes” que parten da participacion cidadá, nos que se tiveron en conta as suxerencias que os cidadáns fixeron chegar a través da páxina web do Concello, así como as aportacións dos comerciantes e hostaleiros, e nas que se fixo “unha discriminación positiva a favor de empresas de iluminación, son e organización da cidade”. A concelleira insistiu en que o papel dos cidadáns fora determinante na elaboración do programa e convidou á xente a que faga suxerencias xa para as festas de 2016. 
Sestayo destacou: “As festas tiveron que ser organizadas en tan só un mes, dado que non había nada previsto, e cunha cantidade de 180.000 euros, a partida que quedaba dispoñible no departamento tras o cambio de goberno, moi inferior aos 363.000 euros que destinaba o PP, e que adxudicaba por trámite de urxencia a unha empresa por dous anos e que a maiores engordou sobre a cantidade orixinal”. Neste sentido a edil sinalou: “A cantidade é menor que a doutros anos porque as circunstancias sociais parece que non aconsellan trasladar partidas doutras concellerías para festas”.  

programa do 21 ao 31
As actividades comezarán na praza de España o día 21 ás 22.30 horas, cun pregoeiro ou pregoeira aínda por anunciar. O ferrolán Andrés Suárez, un dos que máis demanda suscitou dos cidadáns, será o encargado de abrir a programación musical cunha actuación na que estará acompañado da súa banda ás 23.00 na praza de España. 
O sábado 22 o grupo Efecto Pasillo encherá de ritmos latinos e funk a praza de España dende as 22.30 horas. Ese mesmo día comeza o Rallie de Ferrol, que continuará o domingo, e haberá actividades infantís a cargo de La Guagua, ás 18.30 no pavillón de Esteiro e ás 19.30 na praza do Himno Galego. En Caranza, o sábado 22, ás 19.00 horas, desenvolverase a Festa do Choco, acompañada da música de Los Zares. O domingo 23 haberá un espectáculo de ilusionismo de Don Gelatti, ás 12.30 horas no Cantón de Molíns e ás 20.00 no Inferniño. Na xornada terá un protagonismo especial o feminismo e a muller. Ás seis da tarde farase un paseo turístico da ruta “Ferrol en feminino”, comezando en Ferrol Vello coa previsión de finalizar a tempo para o concerto ás 22.00 horas do grupo de folk local Lenda Ártabra e da artista galega Sés, na praza de España, ás 23.00 horas. 
O luns 24 celebrarase o tradicional Concerto das Rondallas, ás 21.00 horas na praza de España. O martes 25 será a conmemoración da Batalla de Brión, coas salvas na praza de Armas ao mediodía e os actos na parroquia de San Felipe. Ás nove e media da noite será o turno do cinema, coa proxección ao aire libre na praza de Sevilla da película de animación “Maimiño”. O mércores 26 represéntase o espectáculo infantil “As mil e unha noites”, con Ghazafelhos, en Ferrol Vello ás oito da tarde. Tamén actuará o rapeiro local Abuín, de notable éxito co seu proxecto “12 meses”. Será na praza do Inferniño ás 21.00 horas.
O xoves 27 ás 22.30 horas a praza de Amboage acolle o concerto da banda de soul e jazz Freedonia. Como teloneiro estará o ferrolán Jaime Frithring para presentar o seu primeiro disco. Tamén haberá animación familiar co espectáculo “Bambalas” ás 12.30 horas na praza do Inferniño e ás 20.00 na praza Vella. 
O sábado 29 a música volverá á praza de Amboage, ás 22.30 horas o pop electrónico de Carrero Bianco antecede a El columpio Asesino e a súa música de xogo de pop con electrónica e de rock con punk. A animación na rúa virá a cargo do musical familiar “De aquí para alá”, que se poderá ver ás oito en Canido. 
O domingo 30, o pallaso Peter Punk actuará en Ultramar pola mañá e no Cantón pola tarde. A estrela da xornada será o virtuoso violinista armenio Ara Malikian, que estará na praza de Amboage a partir das 22.30 horas. 
Para rematar, o luns 31 as festas farán unha chiscadela ás Meninas de Canido, coa realización de pinturas en Amboage pola tarde. Posteriormente chegará o espectáculo musical “A nena e o grilo van de festa”, de Magín Blanco, antes dos tradicionais fogos de San Ramón. 
Estas actividades culturais e musicais completaranse cun amplo abano de propostas deportivas como zumba, latin fun, body combat ou taichi en diferentes lugares cada mediodía.

Beatriz Sestayo: “Son unhas festas participativas e moi transparentes”

Te puede interesar