A tradición da malla, a tarefa de separar a semente da palla, continúa viva polo menos de xeito de exhibición nesta época en varios lugares da comarca. Así, hoxe a AVV Val de Esmelle organiza a partir das 16.30 horas unha mostra deste traballo, que comeza cunha exhibición de motores e máquinas de mallar propiedade de Conrado Gil, de Cerdido. A continuación, e ataviados de época, os participantes levarán a cabo este labor agrícola facendo unha exhibición do mesmo. Tamén haberá unha degustación de guiso de parrochitas acompañado de música de gaita e zanfona.
As persoas afeccionadas a estas exhibicións da malla terán continuidade nas próximos semanas. Así, o 23 de agosto a próxima cita de Etnoeume, na Capela, terá novamente unha mostra deste labor agrícola cunha vella máquina. Así mesmo, os días 13 e 14 de setembro a parroquia de Os Casás, en Cerdido, volve a celebrar a VIII edición da súa festa da malla tradicional.