O PEF da Xunta atendeu a 150 menores e fixo case 4.000 intervencións este ano

O PEF da Xunta atendeu a 150 menores e fixo case 4.000 intervencións este ano
Do total dos 416 usuarios do centro computados a piques de rematar o actual exercicio, 150 son menores de idade jorge meis

O Punto de Encontro Familiar (PEF) da Xunta de Galicia en Ferrol rexistra no que vai de ano 416 usuarios, dos cales 150 son menores, 143 mulleres e 123 homes. Ademais, a día de hoxe o equipo multidisciplinar que atende este servizo realizou un total de 3.997 intervencións, sendo a maioría delas entregas e recollidas de menores (3.183); mentres que o resto das actuacións foron visitas tuteladas (610) e supervisión de encontros (204).
Así se recolle nun informe da Dirección Xeral de Infancia, Familia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social sobre o funcionamento dos PEF na nosa Comunidade, no que se pon de manifesto as actuacións de mellora realizadas nestes servizos, en especial no situado no municipio ferrolán.
A Consellería que dirixe José Manuel Rey Varela destina este exercicio un total de 93.000 euros ao mantemento do punto de encontro ferrolán, aos que se engaden outros 47.300 euros investidos en obras de acondicionamento do local. A Administración autonómica foi incrementando progresivamente os recursos económicos que destina a este servizo dirixido ás familias e á infancia dende que no ano 2000 creou a Rede de Puntos de Encontro Familiar de Galicia integrada por sete puntos situados nas sete cidades: Ferrol, A Coruña. Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Así, os PEF pasaron de contar cun orzamento de apenas 151.000 euros no seu primeiro ano de funcionamento aos 667.768 euros que teñen dispoñibles este curso. Así mesmo, no período comprendido entre os anos 2009 e 2016, a Xunta incrementou nun 34% o presuposto que destina a estes centros.
Ademais, a Comunidade iniciou no ano 2011 un proceso de revisión das instalacións dos PEF, coa finalidade de situar a todos estes servizos en locais públicos debidamente acondicionados e establecer unha rede cos mesmos servizos e coas características dos mesmos unificados. Actualmente, todos os puntos de encontro están situados en inmobles de propiedade pública que cumpren cos requisitos esixidos pola normativa vixente.
Os Puntos de Encontro Familiar constitúense como un equipamento social especializado para facilitar e preservar a relación entre os menores e as persoas das súas familias en situación de crise, ademais de garantir a seguridade e o benestar das nenas e dos nenos; así como o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente. O obxectivo destes puntos é favorecer as relacións entre os menores e as súas familias cando, nunha situación de separación, divorcio ou noutros supostos de interrupción da convivencia familiar, o exercicio do dereito de visitas vese interrompido ou o seu cumprimento resulta difícil ou conflitivo.
O equipo técnico dos PEF é multidisciplinar. No caso do de Ferrol está composto por catro profesionais coas titulacións de pedagogo e educador social, que atenden o centro de mércores a sábado en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.30 horas; e o domingo de 10.00 a 13.30 horas e de 16.30 a 21.00 horas. Este punto de encontro, de titularidade pública e xestionado pola Fundación Camiña Social, non ten lista de agarda. n

Cómpre sinalar que os principais tipos de intervención que se realizan nos PEF son entregas e recollidas de menores, que consiste na intervención dos profesionais nos momentos en que os familiares acoden ao servizo para deixar ou buscar á persoa menor; visitas tuteladas, que son aquelas que teñen que desenvolverse baixo a supervisión e presenza continuada dun profesional do centro e que teñen unha duración máxima de dúas horas; e visitas supervisadas, que son as que se desenvolven no propio centro sen requirir a presenza continuada do equipo técnico. O acceso aos PEF realízase por derivación da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, logo da solicitude de órganos xudiciais competentes ou das Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social nos supostos de menores sobre as que a Comunidade Autónoma teña asumida a tutela ou a garda.

O PEF da Xunta atendeu a 150 menores e fixo case 4.000 intervencións este ano

Te puede interesar