Xosé Fernández Pazos: “A actuación do ferrolán Luís Cebreiro foi heroica e permitiu salvar a vida de trinta persoas”

Xosé Fernández Pazos:  “A actuación do ferrolán Luís Cebreiro foi heroica e permitiu salvar a vida de trinta persoas”
Fernández Pazos é o autor do libro que en 1998 recuperou a historia do “Santa Isabel”

É a traxedia marítima máis grande, en número de vítimas civís, do século XX en Galicia e a segunda documentada en toda a historia. O naufraxio do vapor-correo “Santa Isabel”, ocorrido na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, provocou a morte de 213 persoas, entre tripulantes e pasaxe que marchaba cara á emigración americana. Salváronse 53 vidas, grazas ás catro mulleres de Sálvora –Cipriana Oujo, María Fernández, Josefa Parada e Cipriana Crujeiras– que saíron socorrer os pasaxeiros nunha dorna e á actuación do ferrolán Luís Cebreiro –1894-1969–, o oficial da mariña civil máis condecorado do século XX.

Vénse de inaugurar a mostra “Bravura”, en Ribeira, que conmemora o centenario da traxedia. E permanecerá aberta todo o ano, algo pouco frecuente. Satisfeito? 
Si, porque creo que paga moito a pena, e aquí teño que destacar que o director do Museo municipal, Miguel Vidal, dentro das limitacións, fixo un traballo magnífico. Coido que a exposición é un recoñecemento ao labor que fixeron estas mulleres e homes e o suboficial do barco, o ferrolán Luís Cebreiro López. 

Que aconteceu en Sálvora a madrugada do 2 de xaneiro de 1921? 
O “Santa Isabel” procedía dos portos do norte de España, recollendo emigrantes pola costa –Bilbao, Santander, etc–. O día do naufraxio viña da Coruña rumbo a Vilagarcía para recoller arredor de trinta emigrantes e o día seguinte ía amarrar en Vigo para embarcar outros 250 máis. A ruta continuaría logo cara a Cádiz, onde se faría o transbordo no “María Victoria Eugenia” antes de comezar a navegación cara a Uruguai. Ese día, contra as dez noite, empezou un temporal moi forte á altura de Fisterra. Á 1.50 horas da madrugada, a intensa chuvia e o forte vento do suroeste empurraron o barco máis rápido do previsto contra os baixos da illa de Sálvora. Daquela a luz non era eléctrica e subministrábana só dous faros –Ons e Sálvora–. Esta última tiña un faro novo, mais non entraría en funcionamento ata finais dese ano, e o vello faro tiña apenas dous metros e medio, polo que a luz era moi tenue. 

Houbo unha investigación sobre o afundimento. Que concluíu?
Si, unha investigación da Armada, o expediente 17/21. Chegárase a acusar ao capitán, Esteban García, de ser o responsable do naufraxio, pero as declaracións das testemuñas, entre elas a do segundo oficial, Luís Cebreiro, eximírono de responsabilidade. O capitán tiña 33 anos, levaba embarcado desde os 16 e xa fixera a ruta varias veces. Por desgraza, o temporal empurrou moito o barco e levouno contra os baixos. Foi mala sorte. Mesmo mariñeiros da zona que traballaban no barco recoñeceron que non houbera neglixencia ningunha; só as circunstancias do temporal. 

Destácase o labor heroico dos veciños –representados en catro mulleres– e tamén do segundo oficial, o ferrolán Cebreiro. 
O barco encallou nos baixos dunha rocha, a de Pegar, e queda alí embarrancado. O ruído fixo que o torreiro de garda saíra do vello faro e vise que o barco estaba case enriba. Saíu correndo á aldea, que estaba a tres quilómetros, onde avisou aos veciños que estaban. En Sálvora vivían naquel momento –sabémolo porque a véspera do naufraxio, o día 31, fixérase o censo poboacional, como todos os anos rematados en cero– 57 persoas. A maioría da poboación da aldea non estaba porque fora pasar o fin de ano coas súas familias na parroquia de Carreira, e na illa só quedaban os máis vellos, os máis novos e algunhas mulleres. Estes botaron tres dornas na praia do Boi. Unha delas era de mulleres, a pesar de que lles dixeron que era unha temeridade; outra levábana homes moi maiores, que foron informar do naufraxio a Ribeira, onde  chegaron sobre as dez da mañá. Ribeira volcouse co naufraxio, acolleu os sobreviventes... A dorna das mulleres –tres a bordo e outra axudando desde terra– foi remando e botaron un cabo a un dos botes salvavidas que estaba a piques de se afundir; lograron arrastralo a terra e salvaron vinte e tantas persoas. Elas, e tamén os homes, foron recoñecidas con medallas e loas. Hai que dicir que algunha destas mulleres intervirían anos despois noutros dous salvamentos en Sálvora. 

Por que foi decisivo o papel do ferrolán Luís Cebreiro?
Luís Cebreiro é o gran heroe e lamentablemente moi descoñecido ata que hai uns anos comezamos a recuperar a historia do “Santa Isabel”. Cando embarranca o barco, a xente subiu aos botes salvavidas do lado de babor, porque os de estribor leváraos todos o mar. Hai que situarse naquel ano: non hai nin a luz nin os medios de agora. A xente empeza a subir nos botes salvavidas e o temporal arrástraos contra os baixos. Así morre moitísima xente: esa é, de feito, unha das causas de que houbera tal número de vítimas. Pero Cebreiro logra que unhas trinta persoas suban ao bote número 8 e convénceas de que se manteñan nel sen que se solte do barco; alí agardan ata que ao mencer botan o bote e, coa axuda doutro barco, puideron salvar a vida. Cebreiro medía dous metros e pesaba 120 quilos —popularmente era coñecido como “Tonelada”– e negouse a subir a pesar da insistencia das persoas do bote porque dicía que co seu peso ía afundir. Foi o oficial da Mariña civil máis condecorado do século XX.

Fala de que a historia do “Santa Isabel” sufriu décadas de silencio. Por que?
Porque correu o rumor de que os cadáveres foran roubados e que o barco fora afundido adrede polos raqueiros, pero o propio capitán, que cumpriu o mandato de ser o último en abandonar o barco, declarou que non houbo nada diso. Que sucede? É certo que algúns cadáveres tiñan os dedos cortados, pero iso foi debido a que a autoridade xudicial ordenou a recuperación de xoias e aos cadáveres, cando inchan, non hai maneira de sacárllelas, polo que a Garda Civil cortou os dedos para recuperalas e facerllas chegar ás familias. Fíxose un inventario do que se recuperou de cada falecido. De feito, cando publico o libro en 1998 chegáronme cartas de descendentes de vítimas dicindo que recibiran os cartos e as xoias que levaban os seus avós aquela noite cara a emigración. Esa lenda negra xurdiu polos ciúmes. A homenaxe e os cartos que recibiron as heroínas levantaron moitos ciúmes na illa. Cando empecei a investigación e quixen falar con algunha das heroínas que aínda vivían, non quixeron, nin tampouco os seus familiares, porque estaban moi doídas.

Xosé Fernández Pazos: “A actuación do ferrolán Luís Cebreiro foi heroica e permitiu salvar a vida de trinta persoas”

Te puede interesar