Avanza o proceso para constituír unha candidatura cidadá en Ferrol

Avanza o proceso para constituír unha candidatura cidadá en Ferrol
Podemos Ferrol

Os movementos cidadáns que xurdiron nos últimos tempos nun proceso político inédito desde a restauración democrática camiñan cara a confluencia nunha única candidatura para as eleccións municipais de maio. A Marea Ártabra acordou hai uns días constituírse como partido como mellor opción para presentarse a estes comicios, abrindo así a porta a Esquerda Unida, que xa traballaba no impulso desta plataforma de unidade popular pero que se presentaría coa súa marca en caso de que a Marea concorrese como agrupación de electores. Formacións como Anova ou Cerna deron indicacións para que os seus militantes traballasen desde as plataformas cidadás alí onde as houbera, sempre que cumprisen con certas premisas como a participación directa, polo que tamén están incluídas nunha corrente na que non hai siglas, posto que se participa a título individual.
A incógnita na cidade será o rumbo que tome Podemos, que despois do seu frustrado intento de constituírse como partido tras detectarse irregularidades nas votacións telemáticas, deberá agardar aínda uns meses para repetir o proceso. Porén, un dos catro candidatos que se presentaron ás eleccións para secretario xeral e consello cidadán, Carlos del Río, expresou xa a súa intención de non deixar de lado a actividade política de cara ás municipais, polo que se agardan movementos tendentes a converxer con outras plataformas e constituír unha fronte ampla na liña dos procesos que noutras cidades cristalizaron en Ganemos. Outro dos candidatos, Al Vila, xa expresou o seu apoio a esta idea, aínda que aclara que non irá en ningunha lista para as eleccións de maio. “Eu vou apoiar a candidatura para que Podemos medre como movemento”, explica Vila.
Esquerda Unida manifestou en varias ocasións a súa disposición a traballar por unha lista de unidade e aprobou en asemblea traballar desde a Marea Ártabra. “Estamos en procesos moi complexos e nós formamos parte da Marea, esforzámonos por manter un espazo de confluencia”, explica Suso Basterrechea, coordinador de EU. A formación política segue co seu procedemento interno de primarias para estar preparada en caso de que esta conexión non prospere, aínda que coa decisión de constituírse como partido salvouse un importante atranco. “A asemblea tamén terá que aprobar o programa xa que todos os acordos deste tipo péchanse aí. Nós temos un marco cuns mínimos”, apunta Basterrechea.

en toda a comarca
A Marea Ártabra constitúese como partido de ámbito provincial para poder funcionar noutros concellos da comarca e tamén para facilitar as ligazóns con outras forzas e así estar representada na Deputación. Elixiron esta fórmula como a que mellor acaía ó traballo que demandan as institucións municipais, pero insisten en desmarcarse dos partidos convencionais e seguirán funcionando como plataforma cidadá, representada de forma individual por cada un dos seus membros.
Na actualidade están a elaborar tres documentos: os estatutos cos que se vai legalizar o partido, co nome de Marea Ártabra; un código ético de aplicación a tódolos seus cargos e representantes; e un regulamento de primarias para a elección da candidatura. Ó tempo, sete comisións temáticas traballan na elaboración dun programa.
Respecto a Podemos, “a Marea representa moi ben o seu discurso e sempre entendimos que é posible a confluencia, como noutros sitios de Galicia”, comenta Bernardo Cuétara, membro da comisión de comunicación deste movemento.

Avanza o proceso para constituír unha candidatura cidadá en Ferrol

Te puede interesar