A parroquia de Santa Mariña non esquece ao que fora o seu párroco durante case dúas décadas (entre 1959 e 1976). O teólogo Xosé Chao Rego, falecido en novembro de 2015, ten neste lugar de Ferrol un parque co seu nome, ao lado da igrexa, e un monolito pétreo que lembra a súa figura, importante non só para a cidade senón para toda Galicia, polo seu peso intelectual e pola renovación cristiá e galeguista que impulsou desde revistas como Irimia ou Encrucillada.
En Santa Mariña ten relevancia tamén polo seu compromiso vital cos desfavorecidos e co movemento obreiro. Foi un párroco comprometido coa loita dos traballadores, aos que protexía da represión, e incluso chegou a estar preso nos estertores da ditadura. Despois, secularizouse e deixou a parroquia para dedicarse profesionalmente ao ensino pero mantivo un vencellamento afectivo con Ferrol, onde sempre se lle fixeron homenaxes e se deu difusión á súa actividade.
O seu compromiso vital foi lembrado onte nunha ofrenda floral que se realizou no monumento que o recorda en Santa Mariña, nun parque que se inaugurou tamén en xaneiro, en 2011, cando aínda vivía. Participou a corporación municipal, encabezada polo alcalde e con representantes de tódolos grupos, e tamén a asociación veciñal do barrio. No acto, Ángel Mato, lembrou a figura “crítica e inconformista” de Chao Rego, así como a súa xenerosidade e compromiso social durante a súa etapa ferrolá.
A ela fixo referencia tamén a presidenta da asociación veciñal, María Rivera, que lembrou a fonda pegada que deixou Xosé Chao entre os habitantes do barrio.