A Festa do Pemento do Couto celebrará o seu vixésimo aniversario con varios actos

A Festa do Pemento do Couto celebrará o seu vixésimo aniversario con varios actos
De esquerda a dereita, Couto, Casal, Mar Gómez, Villamar e Ana Isabel García

O pemento do Couto volverá ser un ano máis o protagonista na devandita parroquia naronesa con motivo da celebración da festa gastronómica que este ano chega á súa vixésima edición. O programa de actos comezará o sábado co programa “Noites no Mosteiro”, que arrancará cun showcooking no local social do Couto a partir das 20.30 horas a cargo de Beatriz Sotelo, copropietaria do restaurante A Estación (A Coruña).
Ás 23.00 horas, ao igual que se fixo en anteriores edicións, iluminarase a fachada exterior do Mosteiro do Couto, donde a partir desa mesma hora, e ata as 00.30 horas, haberá un concerto de música de cámara, con dous pases. O aforo será limitado aínda que non é precisa inscrición previa. Estas propostas están organizadas desde a Concellería de Turismo, dirixida por Natalia Hermida.
Domingo
O domingo 15 será a quenda para a festa gastronómica, nunha xornada que abrirá o telón ás 13.00 horas coa lectura do pregón, encomendado desta volta ao enxeñeiro e escritor Xavier Alcalá. Unha vez rematado, sobre as 13.30 horas, terá lugar o xa tradicional xuramento de novas Damas e Cabaleiros da Orde do Pemento do Couto, unha concesión que incrementa ano tras ano o número de persoas que integran esta Orde e a concesión do Pemento de Honra.
“Coincidindo co vixésimo aniversario desta festa, este ano acordamos entregar o Pemento de Honra aos integrantes da primeira xunta directiva da Asociación de Veciños do Couto, por ser precisamente os que iniciaron esta celebración”.
Así o avanzou o presidente da Orde, Tomás Casal, presente onte na rolda de presnsa na que se deu a coñecer o programa e na que tamén participaron os concelleiros de Festas, Mar Gómez, e Promoción Económica, Pablo Villamar; así como o presidente da AVV do Couto, Ramón Couto; e Ana Isabel García, en representación da Cooperativa do Campo do Val.
Xantar
Tal e como se informou, o xantar comezará ás 14.00 horas na zona da carballeira, xunto ao local social, e será a base de churrasco con cachelos e pementos do Couto (ademais de pan, auga, viño e café ao tizón).
As persoas interesadas poden adquirir os tickets –a un prezo de doce euros– no local social da AVV do Couto e nas instalacións da Cooperativa do Val.
A representante desta última confía en que a chegada do bo tempo permita contar cunha boa colleita de pementos para a celebración. A música amenizará tamén a cita a partir das 17.30 horas.
Os representantes do goberno animaron á veciñanza a tomar parte nunha celebración que conta xa con dúas décadas de vida. l

A Festa do Pemento do Couto celebrará o seu vixésimo aniversario con varios actos

Te puede interesar